Cultura

A cadencia exacta que incendia os versos

Após tres anos da morte de Paco Souto, Caldeirón edita Lugar de Incendios, un libro-CD que recolle música, ilustracións e poemas do espectáculo de AÍNDA estreado en 2009 con Serxio Moreira. 
Ilustración que acompaña 'De tirar o rixón'
photo_camera Ilustración que acompaña 'De tirar o rixón'

"Veño da fin do mundo / coa cabeza aberta / e as mans cheíñas de paxaros", así se traza a misteriosa imaxe que abre Lugar de incendios, un libro-CD que adapta a exposición homónima inaugurada en 2009 por Paco Souto, aos versos e pinceis, e Serxio Moreira, ás partituras. Con todo, era fundamentalmente un "espectáculo de música e recitado", matiza Eduardo Estévez, da editorial Caldeirón, que publica o libro tres anos após o pasamento do poeta, que fora tamén un dos seus principais responsábeis.

De facto, deixou "un documento de Word con todo detalle: tamaño, tipo de letra, portada...", comenta Estévez

O libro non parte dunha decisión póstuma, senón que xa roldaba a mente de Souto e estivo a piques de editarse. De facto, deixou "un documento de Word con todo detalle: tamaño, tipo de letra, portada...", comenta Estévez. Aínda que finalmente o proxecto quedou truncado, aproveitaron agora todo este material. Iso si, foron precisos algúns axustes, pois a idea de Souto era "moi ambiciosa" e houbo que adaptala "sen perder calidade" aos orzamentos que manexa Caldeirón, así como ao propio concepto dunha editora que pretende ofrecer produtos "moi baratos" e accesíbeis.

A voz como un instrumento

Esta non era a primeira vez que Souto e Moreira traballaban xuntos, senón que desde a súa primeira colaboración en Como águas de maio (2001) e, ao pouco, baixo o selo AÍNDA, verían a luz diferentes montaxes, como Aviléscanto (2003), As horas de María (2007) ou Tempo Escuro -este último xa coa poeta Rosalía Fernández Rial e o fotógrafo Peter Schneider no colectivo.

"Sempre tivemos claro que queriamos facer algo integrador", explica Moreira. Se normalmente traballaban con "células" que o piano ía desenvolvendo a medida que avanzaba o recitado de maneira simbiótica, Lugar de Incendios foi a primeira vez que Souto lle pediu "pezas fechadas", por mor do carácter expositivo do proxecto.

"Sempre tivemos claro que queriamos facer algo integrador", explica Moreira

Tres son as fontes que irmandan nesta publicación singular: música, poesía e ilustración levan ao formato libro a exposición de 12 trípticos, cun CD que recolle os temas musicados, disposto nunha coidada edición como unha peza máis da portada, por idea da cooperativa gráfica Sacauntos, que "se involucrou moito" no libro, asegura Estévez.

Para alén de funcionaren integradas nun todo, cada creación vive ao tempo con identidade propia. Por iso, ademais de incluír en papel as partituras, o disco está pensado en dúas caras: "Folla impar", baixo o recitado de Souto, e "Acorde e seixo", coa música espida. Fóra da vontade de independencia, case semella un convite a facermos nosos os versos léndoos coas melodías que evocaron de fondo.

Contra o plácido estereotipo da poesía musicada, o piano de Moreira abandona por momentos a compostura para deixarse levar pola execución frenética, desordenada e desacougante, case violenta, de "A Gata", que desacouga a propia ilustración para transformar a maraña da palabra no propio obxecto pictórico. Igualmente, existe certo espazo para o xogo e a creación de paisaxes sonoras. Así, destaca o son filtrado da voz de "Carta Última", que chega como unha misiva no contestador, ao tempo que se representa o pictograma da caixa de música que soa de fondo, distorsionada.

"Repetía constantemente o poema na cabeza. Despois de traballar tanto xuntos coñecía a súa cadencia", conta Moreira

"Repetía constantemente o poema na cabeza. Despois de traballar tanto xuntos coñecía a súa cadencia", conta Moreira. O recitado ten o seu ritmo propio, polo que compoñía os temas considerando a voz "como un instrumento máis".

Igualmente, os versos enmarcan literalmente as ilustracións que acompañan cada poema. As imaxes, imbuídas dun impresionismo suxestivo, deixan abrollar, en sinerxía coa palabra, unha considerábel presenza do mar, ao que o poeta coruñés estivo vencellado por oficio e levoulle a vida traballando no percebe.

Da "forza destrutiva" á paixón

No seu día, Souto comentáralle a Moreira a forte impresión que lle causara unha vaga de incendios en Portugal, que o collera no país. Da potencia desa imaxe xermolaría o título e o concepto do poemario. Porén, "transformou esa cousa destrutiva nunha paixón", explica Moreira, como na imaxe de como quedan os corpos tras o amor.

"Este que tes nas mans é un catálogo dos incendios. Un lugar das paixóns máis íntimas. Un acubillo certo para o lume que nos ilumina a palabra, o son, o azar da tinta", deixaban escrito os autores no que hoxe serve de limiar.

Panorámica unitaria

Estévez considera que a escolma, disposta baixo "criterios de recitado", ofrece "unha panorámica" da poesía de Souto, atravesada por un "sentido de unidade" que demostra precisamente a continuidade da súa obra. Aparecen así algúns dos seus poemas máis emblemáticos, como "Furtivos", que conclúe: "Ese sabor a sal na boca / como se a morte volvese cada nove ondas".

A maneira de crear tan persoal de Souto levábao a empregar "unha simboloxía bastante curiosa, con cousas que a priori non a teñen, como as laranxas", di Moreira

Eses finais son para Moreira parte do fascinante. "Poucas veces teño visto algo así", declara, "con esa sutileza e elegancia". Mais se algo o conquistou era a "paixón", esa maneira de crear tan persoal que o levaba a empregar "unha simboloxía bastante curiosa, con cousas que a priori non a teñen, como as laranxas", di Moreira. Así, transita do desexo "de tirar o rixón" no corpo amado á crueza do camiño perpetuo  polo esgazada África "para non atopar da auga / máis que o nome".

Promesas de directo

Desde Caldeirón, aseguran estar impacientes por, en canto "morra o bicho", levar o volume a presentacións e recitais que quedaron truncados pola crise.

Comentarios