Os incendios de outubro deixan ao descuberto un valioso xacemento

Os cabalos rupestres das Neves

O Centro de Interpretación do Patrimonio e Cultural de Taboexa acolleu a sexta feira a presentación pública dunha nova estación de arte rupestre no Concello das Neves. O acto contou coa presenza do alcade, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e de varios integrantes do Instituto de Estudos Miñoráns (IEMS), amais dos dous descubridores dos petróglifos, Cándido Verde Andrés e Xosé Álvarez.
 

petroglifo as neves IEM

O xacemento foi atopado o pasado 7 de decembro, nun lugar da parroquia de Taboexa chamado A Pousada. A grande laxe, cunha dimensión que rolda os 30 metros cadrados, representa 25 équidos sendo acosados e cazados por homes acompañados de cánidos. Quedou ao descuberto despois dos incendios do pasado outubro. O equipo que estudou o achado salienta os distintos estilos utilizados para representar os équidos: baixo relevo e dobre trazo. Estes petróglifos son a mellor e maior superficie descuberta nos últimos 20 anos.

O Instituto de Estudos Miñoráns, entidade que se involucrou na descuberta e posta en valor desta nova estación de arte rupestre, reafirmar o novo paradigma historiográfico que sostén que “desde o fondo da ría de Vigo ata o río Lima, o animal preponderante e totémico non é o cervo, senón o cabalo”. Así o sostén Xosé Lois Vilar, director da sección de arqueoloxía da institución.

“Desde o IEMS levamos moito tempo co Proxecto Equus, que ten varios obxectivos. O primeiro é o aspecto administrativo, que pretende defender a figura do cabalo do chamado Decreto Equino [da Xunta de Feijóo]. O segundo é unha parte etnográfica que procura conservar o papel do cabalo na nosa sociedade. E, por último, un aspecto artístico e arqueolóxico que xira arredor desta arte rupestre”, explica Vilar.

“Temos localizados arredor de 120 petroglifos onde o animal representado é o équido. Supoñemos que serán os mesmos que habitaban os nosos montes hai 4.000 anos, data dos petróglifos. Este discurso iconográfico repítese noutros lugares como Pazos de Borbén, en Baiona, ou Lanhelas, en Caminha (Portugal)”, afirma. O instituto publicará este verán un monográfico sobre este novo paradigma da arte rupestre galega, cuxo máximo expoñente é agora a nova estación nas Neves.

“Esta superficie xa non é unha pedra horizontal, senón que está bastante inclinada, feita para ser vista e transmitir unha mensaxe que, inferimos, pretendía ser de poder”, apunta Vilar.

Posta en valor do patrimonio das Neves


Segundo aconsellan desde o IEMS, o Concello das Neves atópase agora ante a labor de catalogar a riqueza arqueolóxica do municipio. Esta non só consiste nos últimos achados, senón que tamén inclúe varias pezas de cerámica que apuntan a xacementos habitacionais que poderían datar ata 2.500 anos antes de Cristo.

Desde a entidade sinalan tamén a importancia de protexer estes petróglifos ata o de agora eran inaccesíbeis debido á densa vexetación da zona. “Estaban a só 20 metros de petroglifos xa coñecidos, mais era impenetrable”, di Xosé Lois Vilar. Após a catalogación, cómpre un acordo do concello coa Dirección Xeral de Patrimonio para protexer o valor etnográfico e histórico das Neves.

Comentarios