Segredos de Pantón recupera o patrimonio cultural

Cabaleiros, damas e farrampláns reviven no Entroido do río Cabe

Nós Diario conversa coa Asociación Cultural Segredos de Pantón arredor da recuperación do seu Entroido tradicional, o que nomearon Entroido do Cabe e que neste 2021 vive a súa primeira mostra de traxes, personaxes e testemuños.
collage
photo_camera No centro, os 'van de branco' ou 'dama e cabaleiro', e arredor farrampláns, farraquíns ou mecos. (Foto: Sonia Álvarez / Nós Diario)

Por máis que as restricións derivadas da situación sanitaria que provoca a Covid-19 impidan a realización dos tradicionais entroidos, a actividade non cesa.

Mentres a gran maioría prepara eventos en liña, como concursos de disfraces ou obradoiros de elaboración de máscaras, a Asociación Cultural  Segredos de Pantón actúa na recuperación dos festexos e dos traxes do seu carnaval.

Un evento tradicional pero esquecido que bautizaron como "Entroido do Cabe", pois supón, segundo conta Lucas Vázquez, de Segredos de Pantón, o nexo que comunica os festexos das diferentes parroquias e lugares situados na beira deste río, nos arredores de Pantón, Chantada ou Sober.

"Había unha tradición peculiar pero que non estaba recollida", comenta, "o Entroido Ribeirao". 

"Levamos traballando máis dun ano, recompilando informacións", relata Vázquez, "fixemos traballo de campo, achegámonos a todas as parroquias preguntándolle á xente porta a porta".

Entrevistaron a veciñanza para recoller e recuperar os diversos eventos que se realizaban en cada Entroido, e agora publican nas redes os vídeos nos que as testemuñas daquelas festas falan en primeira persoa. 

"Queremos sacar o martes de Entroido un vídeo onde se nos fale de como se vestía a xente, onde desfilaba... A nosa intención é darlle ese pulo á festa e sacala do esquecemento, porque a pesar de todo non hai por que deixar de coñecer as nosas tradicións e costumes", reivindica Lucas Vázquez.

"Os compañeiros da asociación estamos a deseñar os traxes e o domingo de Entroido faremos unha fotografía cada un tamén para subir ás redes, e cando se poida volver á normalidade xa o faremos doutra maneira, pero nunca é mal momento para recuperar o noso patrimonio", recalca.

Así, para o día grande da festa, en Segredos de Pantón confeccionan as roupas das personaxes que deben saír ás rúas. "A denominación na aldea de San Romao de Acedre é 'van de branco' e na de San Fiz de Cangas e en San Xoán de Frontón chamábase 'dama e cabaleiro ou mázcaras'", explican.

Figuras que visten pulcramente de branco, con roupas delicadas e outras con traxes feitos a base de sabas e de toallas.

E xunto a eles, a figura máis "choca", o "farraquín", ou "farramplán", ou "meco" ou, o que é o mesmo, o rei do Entroido, xa que esta figura era a única que tiña permitido saír á rúa nos Xoves de compadres e comadres e tamén era quen "mataba o Entroido", pois á beira do río Cabe non se facía o Enterro da Sardiña, senón que se levaba a cabo A morte do Entroido... a mans do meco

Festexos en liña, ou o Entroido da Covid-19

Os concellos de Lugo ou Compostela, entre outros, trasladaron os seus tradicionais desfiles e concursos de disfraces á redes sociais. A mecánica máis habitual para poder formar parte deste tamén atípico Entroido é a de disfrazarse, fotografarse e subir a imaxe ás redes.

Desde Ramirás, a asociación Rebulir rebautiza o seu carnaval engadindo o apelido "in door". E como o nome indica, obradoiros, concursos e mesmo bailes serán transmitidos en liña.

E o Museo do Pobo tamén leva a Youtube os seus talleres de máscaras tradicionais, que este ano se dedicarán aos Caretos de Podence, aos Carochos de Riofrío de Aliste e aos Labardeiros e ás Señoritas do Entroido de Toén. En liña os días 11, 12 e 16 de febreiro ás 19 horas. 

Comentarios