Entrevista

Proxecto Pesquedellas: "Buscamos como levar o folclore á mocidade"

O proxecto Pesquedellas promove o audiovisual para explorar a tradición
Un momento durante a entrevista que o proxecto Pesquedellas fixo a De Ninghures.
photo_camera Un momento durante a entrevista que o proxecto Pesquedellas fixo a De Ninghures.

Nos tempos do inmediato e o dixital, como levar o folclore á xuventude? Como manter viva a cadea? O proxecto do Grupo Pesquedellas procura responder esta pregunta mediante diferentes contidos audiovisuais montados arredor da curiosidade e a fascinación pola nosa tradición. Mozas, informantes ou mestras presentan testemuño da paixón polas prácticas tradicionais como parte da vida contemporánea.

En que consiste o proxecto Pesquedellas?

O que estamos a facer é entrevistar as informantes ás que fomos chegando, sobre todo a mestras nosas ou persoas relacionadas co mundo do folclore que consideramos que nos poden ensinar algo. A nosa principal motivación é o desexo de saber máis acerca do folclore e pensamos que pode haber persoas coma nós, que queiran indagar máis. Por iso imos colgando os resultados das entrevistas en redes sociais, en clips curtos e soltos, de dous minutos aproximadamente. Neste mundo que se move tan rápido, pensamos que é doado de ver.

O documental que fixemos intenta responder a como poderiamos involucrar a xuventude no folclore

A escolla do audiovisual como medio responde á vontade de chegar á mocidade?

Todo comezou cunha subvención da Xunta da Galiza que nos serviu para lanzarnos a facer o que tiñamos sen acabar de definir. Nun primeiro momento fixemos un documental que está en Youtube [Escoitar, Aprender e Compartir], que intenta responder a como poderiamos involucrar a xuventude no folclore. O formato audiovisual das redes sociais inclúe todo ese material que ficou fóra deste traballo, porque non respondía directamente esa pregunta, mais que nos parecía, con todo, interesante.

Como é a relación da mocidade co folclore?

Eu creo que hai moitos tipos de relacións, a cada persoa achégalle algo diferente. Agora mesmo funciona como un espazo de ocio. Unha aula de pandeireta ou baile que tes unha vez á semana tamén pode ser útil para que despois reverta nunha festa ou nunha foliada. Paréceme que pode ser unha forma de ocio contemporánea para todo tipo de persoas. 

O noso maior logro sería poder aplicar esta recuperación das foliadas, que eu si que percibo, ao Viño do País

De feito, estase a producir unha recuperación desa dimensión da festa comunal.

Eu penso que hai unha vontade moi clara da xente por volver a esta festa. Por exemplo, na foliada da Fonsagrada moveuse media Galiza para ir até alá e poder gozar do folclore. Nós, que somos de Betanzos, queriamos aplicar o que sabemos á nosa vila. Aquí hai un espazo, o Viño do País, que se podería relacionar cos furanchos, mais a natureza é distinta, porque o que se fai é que un adegueiro abre un garaxe ou o baixo da súa casa, simplemente para vender o viño. Ti vas coas túas amizades e levas a comida. O noso maior logro sería poder aplicar esta recuperación das foliadas, que eu si que percibo, ao Viño do País. Esa é a conclusión á que chegamos no documental, que implicar a mocidade da nosa comarca pedía acudir a este costume.

Comentarios