Unha ollada feminista sobre a cadea global de coidados

Burela estrea un filme sobre as migrantes caboverdianas

Mulleres que emigran e que coidan as familias doutros. Mulleres que non poden emigrar porque deben coidar as familias das que migraron. O documental Si ka badu, ka ta biradu (Se non marchas, non podes volver), dirixido por Sonia Díaz e Óscar Vázquez, debuxa estas liñas viaxeiras e as contradicións ás que dan lugar. 
 
Un fotograma de Si ka badu, ka ta biradu, de Sonia Díaz e Oscar Vázquez.
photo_camera Un fotograma de Si ka badu, ka ta biradu, de Sonia Díaz e Oscar Vázquez.

O documental, que se estrea mañá, ás 18 horas, na Casa de Cultura de Burela visa a pór en valor o traballo das mulleres caboverdianas na vila de Burela e na illa de Santiago. 

Sonia Díaz, codirectora do documental, explica a Nós Diario que o proxecto parte da colaboración da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) co Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (Esomi) da Universidade da Coruña. "Eles traballan moito no tema das migracións desde a ollada do feminismo e poñen o foco no traballo de coidados realizado polas mulleres migrantes". 

O equipo traballou con catro xeracións de mulleres que viñeron desde Cabo Verde a Burela, partindo da premisa de que se descoñece case todo sobre a contribución dos traballos destas mulleres. "As primeiras chegaron a Burela na década de 1970, mentres que moitas das máis novas xa naceron aquí. Mais a pesar das diferenzas nos tipos de familias e nos proxectos migratorios, nas motivacións e nos modos de vida, a relación cos coidados non variou tanto como se podería pensar", avanza Díaz. 

"Desde finais dos 70 até o ano 2000, eran os homes os que tiñan permisos para traballar e elas só viñan cando o marido as reagrupaba. Moitas non tiñan dereito a traballar fóra de forma legal, polo que o facían de forma irregular. Cos maridos traballando na pesca de altura, ausentes durante longos períodos de tempo, foi o seu traballo, dentro e fóra do fogar, o que permitía que as familias puidesen medrar", expón a codirectora do documental. 

A principios deste século, coincidindo cun aumento da demanda de traballadoras migrantes para coidar de persoas dependentes -dada a falta de recursos públicos para a realización destes traballos-, a comunidade caboverdiana de Burela cuadriplicouse e as condicións de chegada melloraron un pouco. "Mais os labores dos coidados seguiron tendo as mulleres como protagonistas, a ausencia dos homes nestes traballos non mudou", di. 

"A vida das mulleres caboverdianas é moi dura porque hai moi poucos homes", asegura unha das protagonistas nun momento do filme, e comprendemos o complicado dunhas existencias que non contan con ningunha axuda para sacar adiante unha familia. 

 

Unha cadea global de coidados 

Aquí pero tamén alí. O equipo da película trasladouse a Cabo Verde para responder á pregunta "que pasa coas mulleres que non emigran?". 

Cabo Verde é un país duro, formado por dez illas de orixe volcánica, clima árido e secas recorrentes que mostra as feridas dun imperialismo portugués que provocou, desde finais do século XVII, unha corrente migratoria de enorme magnitude. Estímase que a poboación de orixe caboverdiana espallada polo mundo supera en máis do dobre a residente nas illas. Desta diáspora forma parte a comunidade procedente de pequenas localidades da costa occidental da illa de Santiago, que desde 1978 se foi asentando na localidade galega de Burela. 

"Descubrimos que moitas non poden porque deben coidar as súas familias, mais que outras quedan alá para coidar das familias das que emigraron. Dáse o paradoxo de que moitas mulleres que veñen a Burela encárganse dos coidados das persoas maiores ou das crianzas dos seus veciños, mentres que as súas propias familias quedan ao coidado doutras mulleres en Cabo Verde", asegura a codirectora do documental en conversa con Nós Diario

Cara ao ano 2000, na obra da socióloga estadounidense A.R. Hochschild, aparece o concepto de cadea global de coidados, que, basicamente, describe o fenómeno da creación dunha cadea constituída por mulleres dos países ricos que xa non queren ou non poden ser as responsábeis dos coidados da súa contorna e conseguen saír ao mercado laboral trasladando as súas responsabilidades de coidado a mulleres de países empobrecidos que, á súa vez, delegan o coidado das súas familias en mulleres dos seus propios países. 

Os paralelismos coa emigración galega resultan moi evidentes, mais o equipo non quixo subliñalas. "Queriamos que as protagonistas fosen estas mulleres e non outras. Mais si que incidiremos nese punto nos usos pedagóxicos que fagamos do filme", asegura Díaz. 

"O que resulta moi descritivo da vontade destas mulleres de axudar as familias", continúa, "son as remesas de diñeiro que as e os emigrantes envían ás súas familias e que supoñen, cada ano, máis do 10% do Produto Interior Bruto de Cabo Verde. Ou as encomendas, maletas que viaxan cheas de Burela a Cabo Verde e que regresan máis cheas aínda, transformándose nun vínculo de enorme importancia entre a diáspora caboverdiana e a súa terra de orixe. 

"Ás veces esas remesas de diñeiro están destinadas a ir construíndo unha casa 'para o regreso' ou para mellorar a que xa teñen, aínda que en moitas ocasións, elas son moi conscientes de que a súa vida xa está aquí, que non van regresar xamais. Constrúen unha casa no seu país de orixe a sabendas de que non a van habitar nunca", conclúe.

Comentarios