Bufandas para unha Rosalía que “aterece”

Sairán o día 24 de febreiro, cubrir as estatuas de Rosalía espalladas polo país. Para iso, tecerán bufandas e chales por elas mesmas, para darlle calor a unha Rosalía “que aterece”. É a proposta da plataforma A Sega para o aniversario do seu nacemento. 

Detalle cartaz Rosalía AELG
photo_camera Detalle cartaz Rosalía AELG

Poden ser bufandas, chales, mantas ou calquera prenda de abrigo tecidas para abrigar a poeta. Desde A Sega convidan  as mulleres a cubrir as estatuas de Rosalía de Castro no día do aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro. 

“Rosalía de Castro aterece”, din desde a plataforma de crítica literaria “A Sega”, e poñen as razóns para que a poeta trema de frío. “Rosalía de Castro é unha muller que morreu hai máis dun século e a quen durante longas décadas meteron nunha mortalla de cravos, sombras e prantos. Na maior parte dos casos o que o día a día nos devolve dela son imaxes de pedra, bustos e monumentos”, sinalan. 

Debaixo da pedra aterecida, as críticas da Sega saben “que latexa unha obra viva, rebelde e mesmo temeraria. Unha obra que apela a todas nós porque fala de nosoutras, fala das que cantamos, das que traballamos, das que rimos, das que padecemos, das que queremos un mundo onde a violencia non sexa tolerada”.  A poeta recoñécena como a mestra que lles ensinou “a camiñar mentres outros ladran, a buscar amores que nos queiran ben, ou a convivir coa soidade. Abriu a porta para que as que hoxe somos poidamos escribir o que nos pete, dende o patrón dunha chaqueta ata unha novela”.

Á intemperie

Débelle, din o calor que teñen como súas herdeiras vivas e queren que a escritora deixe de estar á intemperie, por iso abren a convocatoria a todas as mulleres co obxectivo de cubrir as estatuas que lembran a poeta en todo o país. “Porque a pedra será fría pero moito máis grande é a nosa calor”, din. Na súa páxina explican a acción e ofrecen indicacións ás participantes

Comentarios