Entre o 7 e o 10 de xuño

Bueu inaugura o seu festival de jazz

Un concerto do cuarteto do cantante e saxofonista lugués Antonio Otero abrirá o primeiro Festival Internacional de Jazz de Bueu a quinta feira, 7 de xuño, no bar Farol. Organizan a Asociación de Jazz da localidade morracense e mais o concello.
 

virxilio-da-silva-500x332
photo_camera O guitarrista Virixilio da Silva. Foto: cedida.

Na Praza Massó, os días 8 e 9 do mesmo mes a partir das nove da noite, continuará o certame. O guitarrista Virxilio da Silva -canda Rosalino Marinello, Álex Salgueiro, Xan Campos, Félix Barth e Iago Fernández- ofrecerá “un espectáculo que mestura o rock máis psicodélico con pop de vangarda, o noise, o stoner e o jazz”. Será a sexta feira. O sábado, os gaditanos Antonio Lizana Group, comandados por un saxofonista, cruzarán o territorio que media entre o jazz e o flamenco.

O festival de Bueu complétase con dúas jam sessions e concertos de mediodía -á unha do sábado no Leña Verde Miguel González e o domingo á mesma hora en La Perfecta, Pablo Sanmamed. O Felipe Villar Trío ou o Cuarteto de Sunil López actuarán de medianoite a sexta feira e mais o sábado no B-Living e no Aturuxo, respectivamente.

Ademais do Concello de Bueu e da Asociación de Jazz de Bueu -fundada hai un ano e que montou o Festival de Entroido Swing-, a Deputación de Pontevedra tamén contribúe a esta primeira edición do Festival Inetrnacional de Jazz.

Comentarios