Que facer?

Bueu acolle esta fin de semana a XX Festa do Polbo

polbo

 

33º Festival Noroeste

A Coruña. Diversos espazos.
Sexta feira, sábado e domingo
Con máis de 30 novas bandas e artistas, ao ritmo do mellor blues, hardcore, folk, R&B, soul, rock, garage, surf, punk, psicodelia, indie pop, noise e, mesmo, copla electrónica ou música brasileira.


Sito Sedes + Garufa Blue Devils Big Band

Carballo. Praza do Concello (22.30 h)
Sexta feira
A orquestra Garufa Blue Devils Big Band actuará en Carballo na sexta feira 9 de agosto, a partir das 22.30h, na praza do Concello, acompañada dunha das voces galegas máis recoñecidas, a de Sito Sedes. A big band, formada por 21 músicos especializados en recuperar sons de bandas da década dos anos 20, 30 e 40, conta cun repertorio integrado por grandes clásicos do swing, da música afrocubana da época, do cine e do cabaré.

XXIX Meleira

Pontevedra. Rúa Serra
Toda a fin de semana e até o 8 de agosto.
A Feira do Mel, dentro do programa Festas de verán, ofrece a oportunidade de coñecer e degustar diferentes tipos de mel, xelea real, licores artesanais e máis produtos. 

Os amigos dos músicos

Serra de Outes. Praia de Broña
Domingo
Dentro da programación do AtardeSer en Broña, presentan “Segundo Fogar”, novas propostas coas que continúan a remexer a canción popular galega.

Diversidade sexual e escrita

A Coruña. Xardíns de Méndez Núñez (13 h)
Sábado.
O faladoiro “A diversidade sexual na literatura escrita por mulleres” contará coas voces de Eli Ríos, María Reimóndez e Andrea Nunes, moderadas pola xornalista Bárbara G. Vilariño na carpa Luisa Villalta.

Feito a man

Compostela. Diversos espazos
Até 21 de agosto
Un ciclo continuado de actuacións no que caben actividades artísticas que apostan na diversidade: música, cabaré, teatro, dj´s… 

XX Festa do Polbo

Bueu. Campo da Estacada.
Sexta feira, sábado e domingo.

O Concello de Bueu organiza do 9 ao 11 de agosto a XX Festa do Polbo, que se realizará no Campo da Estacada e na que as asistentes poderán degustar arredor dunha trintena de especialidades do Polbo das Rías, a cargo dos establecementos Casa Acuña, Frigoríficos Rosa de Los Vientos e O Rincón de Cela. O pregón, que este ano corre a cargo da escritora bueuesa Marta Currás, abre o paso a unha programación cultural e festiva pensada para todos os públicos: concertos con Fanfarria Taquikardia, sesións vermús co grupo Retrouso, contacontos para as crianzas da man de Polo Correo do Vento e o humor enxeñoso de Isabel Risco e a súa “Nabiza Girl!”.

Personaxes da vida interior

San Sadurniño (Casa do Concello).
Até 26 de agosto.

O Concello de San Sadurniño aposta na arte e o talento local coa exposición “Personaxes da vida interior”, da artista Carolina Bouza Calvo, veciña de Vilafiúnce e estudante de Belas Artes. A mostra, composta por figuras grotescas, soños e caricaturas, retratos imposíbeis de seres imaxinarios, sen referentes reais, ten un nexo común: a recorrencia de narices desproporcionados. No seu conxunto, unha colección de 18 debuxos de trazo fino, láminas en pequeno formato representativas dun imaxinario propio que foi trasladando ao papel entre 2016 e 2018. Estes “Personaxes da vida interior” continuarán suspendidos na galería da Casa do Concello até o próximo 26 de agosto en horario de mañá, de segunda a sexta feira, de 8.30 a 14.30h. 

Comentarios