Cucú é o primeiro adianto no novo e primeiro disco de Broa, que chega cun videoclip dirixido por Xaime Miranda.
Broa é un power-trío de recente creación, amasado coas inquedanzas de distintos músicos que veñen de formacións como Machina, Morgen, Ruxe Ruxe ou Presencia Zero.
"A broa é de textura áspera con engurras que mal tocadas poden magoar mais no seu interior é doce e tenra", describe o grupo. De igual xeito, o primeiro disco de Broa, "é un produto á vez doce e salgado; tenro e salvaxe mais sobre todo auténtico que non te deixará indiferente".
Cocido a lume lento durante os últimos 4 anos, chegará cos 11 cortes de mesturas na onda do Stoner ao New-Metal co vertixinoso Punk e Hardcore onde as melodías pop atopan refuxio. Cucú verá a luz a comezos de 2020.