Festival Inclúe do 14 ao 16 de decembro

Brión: capital da “cultura inclusiva”

Brión Inclúe é “unha proposta cultural inclusiva”. Entre o 14 e o 16 de decembro, a vila da Mahía acolle un festival cuxa principal vontade consiste en ofrecer “unha ampla programación para a inclusión transversal”.
 

xerock
photo_camera Imaxe de Xerock nunha actuación da Coruña. Foto: cedida.

A idea da que xorde o encontro -en que haberá unha exposición de pintura, dúas representacións teatrais, danza e un concerto-, ten a ver coa “tarefa das administracións públicas e de toda a sociedade tratar de acadar a inclusión total e non se pode facer de costas ás persoas interesadas”.

Brión Inclúe, organizado polo concello, xestionado pola cooperativa Cultura Activa e confinanciado por Gadis, “non produce contidos para as persoas con discapacidade, senón que normaliza as distintas capacidades de cada un para facer unha proposta cultural inclusiva na que ofertar tres días de cultura para toda a cidadanía”.

O Centrol Social Polivalente acollerá ás seis da tarde desta sexta feira, 14 de decembro, a obra de teatro Circo da Diversidade, da Asociación Con Eles, formada por familias de persoas con discapacidade intelectual. Ás 20.30, a Asociación Andaina Pro Saúde Mental representará Full Monty.

O sábado 15 de decembro, no mesmo espazo e ás 20.30 horas, a compañía 5.S intepretará Torre de Babel, peza de Danza-Teatro.  E o domingo 16, en sesión vermú ás 12 da maña, actuará o grupo XeRock, formado por membros do Centro San Xerome Emiliani da Guarda -que “facilita ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias apoios e servizos profesionalizados para mellorar a súa calidade de vida”.

Ademais haberá un mercado dos colectivos participantes e unha mostra, Álvaro Díez, pintor, que se presentará a sexta feira ás sete do serán.

Segundo a organización de Brión Inclúe, este fará que “as persoas con discapacidade sexan protagonistas da oferta cultural como creadores e non só como consumidores; a cidadanía gozará dunha cultura de calidade normalizando e visbilizando a discapacidade como parte da propia cidadanía; as familias vivirán a integración real, o acceso real á cultura e os beneficios que esta achega”.

Ademais das entidades mencionadas, tamén colaboran no Brión Inclúe a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza e o pallaso Fran Rei, que nos últimos anos se especializou “na formación de teatro para persoas con diferentes capacidades”.

Comentarios