“Brétemas” lanza un premio para os escaparates que promovan o libro galego

O “Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano” recoñecerá o esforzo das librarías na promoción da produción editorial galega. O editor e presidente da AGE, Manuel Bragado lanza desde o seu blog “Brétemas” unha serie para recoñecer o papel do escaparatismo na promoción do libro galego e un concurso para premiar ao mellor do ano.

Miranda de Bueu
photo_camera Miranda de Bueu

A Libraría Miranda de Bueu preparou a fins do mes de marzo un singular escaparate para a presentación da novela de Elena Gallego , Sete Caveiras. Alén dos libros da autora, a composición incluía algúns elementos de especial relevancia no seu universo literario e persoal, entre eles, un inmenso clic de Playmóbil, moneco que acompaña sempre á escritora. A promoción por parte da libraría do novo título de Gallego foi o arranque dunha serie de posts do blog “Brétemas” do que é autor o presidente da Asociación Galega de Editores e director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo das librarías na promoción do libro galego. 

“Estou convencido que o escaparate continúa sendo na maior parte da actividade comercial de proximidade unha das accións principais (desas de toda a vida) da mercadotecnia no punto de venda”, explica Bragado do inicio dunha serie á que xa se sumaron en poucos días oito escaparates máis, Librouro e Andel de Vigo, Cronopios, Pedreira e Couceiro de Santiago, Biblos de Betanzos e Suevia da Coruña. 

Librarías agarimosas

“Nun momento crítico no que o libro galego quedou recluído a algunhas poucas mesas de novidades ou andeis dalgunhas librarías especializadas ou agarimosas co libro galego, reclamar a súa presenza gratuíta nos escaparates é unha acción positiva, tan xusta coma necesaria”, recoñece o editor que lamenta a pouca presenza do libro galego nos espazos de promoción dos puntos de venda. 

Convoca finalmente aos lectores e lectoras do seu popular blog, Brétemas, para outorgar a fin de ano o “Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano” e abre a súa bitácora a quen queira remitir imaxes de vitrinas que promovan a produción editorial galega. 

Comentarios