Abraham Rosendo 'Breikus', fotógrafo e creador de 'Verdoivén'

'Breikus': "Pese á depredación da cultura e da natureza galegas, xorden iniciativas que poñen en valor o rural"

‘Breikus’ é un fotógrafo, director e documentalista nado no Rañadoiro, en Pontesampaio, que desde pequeno se sentiu atraído por un dos elementos máis representativos da súa vila: o río Verdugo. Con Verdoivén, conta pequenas historias que naceran na beira do Verdugo e do seu afluente, o Oitaven, ao tempo que critica a depredación na que está sumida o rural galego. Un documental que non se poderá ver até finais de 2022, mais do que a xente pode ver pequenas pinceladas fotográficas nas redes.
Abraham Rosendo ‘Breikus’, tras recoller un premio de fotografía do National Gegraphic. (Foto: Nós Diario) #abrahamrosendo #breikus #fotografía #rural #verdugo #oitavén #ríos
photo_camera Abraham Rosendo ‘Breikus’, tras recoller un premio de fotografía do National Gegraphic. (Foto: Nós Diario)

-Podería explicarme en que consiste Verdoivén?

Verdoivén é un proxecto audiovisual co que pretendo mostrar a beleza dos ríos Verdugo e Oitaven e das súas contornas. A miña idea é mostrar a estética da natureza á vez que afondo na cultura das comunidades que afloraron á súa beira. Pontecaldelas, Soutomaior, Pontesampaio... Son moitas vilas e moi diversas entre elas. Durante a miña infancia debuxei incontábeis veces o Verdugo, a xente que traballa no mar, as súas embarcacións, os seus aparellos de pesca... Os meus avós foron mariñeiros, e a súa profesión influenciou claramente na miña maneira de ver o mundo.

-Quere iso dicir que xa levaba tempo pensando en facer algún proxecto así?

Como xa dixen con anterioridade, desde que era unha crianza a miña vida estivo marcada por todo o que acontecía a carón destes ríos, polas horas e horas que camiñei polos numerosos sendeiros que percorren as ribeiras do Verdugo e o Oitaven. Por todo isto, pódese dicir que Verdoivén levaba moito tempo cociñándose. Mais foi en 2015 cando comecei a investigar en profundidade todo o que aquí acontece. Intentaba dar resposta a moitas dúbidas que me xurdiran. En especial, as que teñen que ver coas problemáticas que afectan tanto á natureza como ás vilas e aldeas que os rodean. Durante todo ese proceso cheguei á conclusión de que era necesario poñer en valor todo este patrimonio natural e cultural. Porque non se pode permitir que quede no esquecemento. De aí que decidise, primeiro ao fotografar todas as paisaxes que conviven nestes dous ríos, e segundo, ao facer un vídeo-documental con todo o material obtido.

-Como foi o proceso de traballo durante este tempo?

Para o 2020 tiña programadas algunhas das gravacións. Porén, co inicio da pandemia do coronavirus tivemos que pospoñelas ata o 2022. O motivo disto é que a maioría desas gravacións eran festas populares que non se puideron celebrar por mor das restricións. Unha vez quedou claro que non me ía poder dedicar a gravar, traballei durante os últimos meses para mellorar a narrativa do documental. Ademais, aproveitei para investigar máis polo miúdo cada un dos temas que quería tocar.

-Proxectos como o seu adoitan traer consigo profundas reflexións para os seus creadores.

O feito de fotografar e gravar o Verdugo e o Oitavén durante tanto tempo fixo que decatase de que, para atopar a verdadeira esencia de todo o que abarcan espazos naturais coma estes, temos que afundirnos neles. Abstraernos de todo o que non ten que ver coa natureza, observar e escoitar con moito detemento... No meu caso, todo isto acabou por ter como consecuencia que a elaboración do documental se convertese nun proxecto moito máis auténtico.

-Tendo en conta os atrasos aos que se viu abocado, que plans de futuro ten para Verdoivén. 

Unha vez a edición do documental chegue ao final do seu camiño, gustaríame poder reproducilo en todos e  cada un dos concellos que forman parte do territorio que abarcan os dous ríos. Ademais, tamén me gustaría estudar a posibilidade de presentalo a algún festival ou certame cinematográfico.

-Que importancia teñen iniciativas como a súa  para poñer en valor o rural galego? 

Penso que a pesar deste momento de globalización e de forte contracción e depredación da cultura e da natureza galegas, ao longo da Galiza están a xurdir iniciativas moi fermosas, que poñen en valor o rural, o tradicional. Que dignifican a nosa cultura. Paréceme moi importante que conten con apoio social e institucional, porque se perdemos a nosa identidade perderemos unha parte importante do noso valor como individuos e como galegos.

Comentarios