O Bravú volve ás parroquias

Cúmprense vinte anos da xuntanza na que se deu corpo ao Manifesto de Viana cunha cea na Tasca do Caballero e A Asociación Cultural Liviao de Marrao conmemora aquel cocido fundacional co programa “Por Parroquias” que se desenvolve en Chantada o 13 de setembro. 

Liviao de Marrao
photo_camera Liviao de Marrao

Como “100% rural” preséntase o encontro que terá como escenarios principais as parroquias de Viana e Garabelos, berce do Bravú que está a conmemorar as dúas décadas da súa fundación.“Por parroquias” busca ser un “espazo de dignificación da nosa cultura e da contorna rural galega, onde a música, a poesía, o cinema e as artes en xeral se fusionan, onde a fronteira entre vangarda e tradición desaparece”, sinalan no programa dunha xornada que comeza coa sesión Vermouth ás doce da mañá na mesma Tasca do Caballero na que naceu o movemento de rock galego. 

"Algo cambiada desde que se xuntaron alí os fundadores do Bravú hai vinte, a Tasca do Caballero será un dos escenarios de Por Parroquias".

Algo cambiada desde que se xuntaron alí os fundadores do Bravú hai vinte, a Tasca do Caballero será un dos escenarios de Por Parroquias.  O espazo conserva aínda a adega onde se festexou o encontro cun cocido histórico. “Agora dedícanse máis ao tema cárnico, cambiou o modelo de negocio mais a adega vai estar aberta e vaise poñer alí a placa conmemorativa. Serviranse uns pinchos e despois iremos para a carballeira ao xantar onde estarán xa Xurxo Souto, Rómulo e Pulpiño de Viascón”, explica Antom Fente, do inicio dunha xornada que promete festa de mañá á noite. 

A festa prolongarase en espazos como “Sesta? Quen a dera!!” no que, entre outras cousas, se desenvolverá a presentación da biografía dos Diplomáticos de Monte Alto polo seu autor Rodri Suárez ademais dunha mesa redonda na que participarán Xosé Manuel Pereiro, Richi de Rastreros, Xurxo Souto, Xan Xove de Papaqueixos e Roberto Otero polo Castañazo Rock, a primeira mesa a que lle seguirá o debate que se pregunta: “O bravú morreu?”. “Teño a miña opinión particular. Na mesa estarán persoas como Iván Gómez, presidente do Castañazo Rock, Afonso Pato, director do Festival de Cans, ou Xurxo Souto e mostrarán distintas posturas mais a miña particular é que sigue vivo se o entendemos como una actitude cultural de xunguir a modernidade e a tradición e manifestar o que é ser galego. Houbo quen o identificou como un estilo mais iso é erróneo porque o que fan Rastreros non ten a ver cos Diplomáticos. Como actitude sigue vivo e iso vese nos distintos festivais que tiveron unha grande afluencia de público e a xente sigue a identificarse coa súa filosofía”, sostén Antom Fente. 

"O Bravú sigue vivo se o entendemos como una actitude cultural de xunguir a modernidade e a tradición e manifestar o que é ser galego", afirma Antom Fente

Unha pancetada popular na carballeira de Viana lembrará aquel cocido e a música reunirá a algunhas das bandas bravús na Jam Session que reunirá aos Diplomáticos, Bochechiñas, Papaqueixos, Radio Océano, Rastreros de Chantada, Zenzar, Caimán do Río Tea, Xenreira ou Verghalludos. 

Que significou o Bravú? “A etiqueta permitiu servir de tornachuvas a multitude de grupos para compartillar experiencias. O Xabarín tamén axudou. Tivo moita importancia para a música alternativa, que traballaba de maneira bastante precaria. Foi un empuxón que demostrou que aquí non só se facía folk. Equipararíao ao que na literatura foi o Rexurdimento ou a época Nós, un momento de explosión no que se iniciou un novo vieiro e xurdiron moitas bandas, algunhas delas aínda activas como se verá no Por Parroquias”, valora Antom Fente. 

Comentarios