Gañadoras do concurso 'Novos Valores'

Bratzantifa: "As nosas cancións falan de experiencias reais, pasar frío na vivenda e ter traballos precarios"

O grupo Bratzantifa, formado por Marina González e Lucía Amado, vén de gañar o VI concurso de Novos Valores que organiza cada ano o Festigal. Naceron co confinamento e sen intención de dar o salto aos grandes escenarios mais, ao gañaren o concurso, abrirán o Festigal cun concerto na noite do 24 de xullo. Nós Diario conversa con Marina González sobre este proxecto que xa está a dar que falar na música galega.  
Marina González (á esquerda) e Lucía Amado (á dereita) forman o grupo Bratzantifa (Foto: Bratzantifa).
photo_camera Marina González (á esquerda) e Lucía Amado (á dereita) forman o grupo Bratzantifa (Foto: Bratzantifa).

Que significou gañar o certame Novos Valores?

Foi unha sorpresa. Recibimos a nova por teléfono e cando vimos un número descoñecido, ao traballarmos as dúas en empregos temporais, pensamos que era a chamada dunha ETT. Esta anécdota é moi representativa de como funciona o noso grupo. Levamos unha grande alegría. En ningún momento contabamos con gañar. Presentámonos, mais sabendo que había moitas bandas xa algo profesionalizadas e mesmo que coñeciamos polos seus directos. Estabamos contentas e ao mesmo tempo xurdíronnos moitas dúbidas. Puxémonos a traballar ao momento. Mais aínda non o cremos. 

Como se formou o grupo?  

Ambas estabamos facendo un mestrado e traballando de cara ao público. Coa pandemia o noso sector estaba fechado. Soubemos de xente que facía música desde a casa e pensamos en facela nós tamén, descargamos unha aplicación e fixemos un tema un pouco en broma imitando o que escoitabamos de regaetton e trap. Puxémoslle de nome Imos po vermú e acompañámolo dun video clip. Tardamos en total seis horas en todo o proceso. Para nós era unha broma mais moitos dos nosos amigos comentaron que teriamos que facer máis temas, non lles pareceu para nada ridículo. 

Gustounos a experiencia e aprendemos a empregar programas para gravar e fixemos temas máis en serio. Pensa que nese momento non había outras opcións de lecer, estaba todo fechado. Comezamos facendo música na cociña. Mesmo escóitase o barullo da casa!  

As letras dos temas teñen unha base biográfica?

As nosas cancións falan de experiencias reais, anécdotas das nosas vidas. As dúas temos traballos moi precarios, vivimos en pisos e con relacións un pouco líquidas. Nas letras falamos de ter un traballo horríbel ou de pasar frío nas nosas vivendas. Son as mesmas experiencias que poden ter tamén as nosas amigas. Escoitamos moita música en galego e non atopabamos representadas estas experiencias de mulleres novas. Foi o oco que vimos e decidimos falar diso. Adoptamos ese discurso. Sempre dicimos que mesmo parece literatura epistolaria, na narrativa gústanos moito describir situacións nas que seguro que outra xente se ve reflectida. Todo o que aparece nas letras son experiencias autobiográficas.

Como afrontan agora ese directo no Festigal?

Afrontamos este directo con moita ilusión e con moito traballo. Colleunos un pouco de sorpresa. Non agardabamos con chegar a profesionalizar o proxecto. Por este motivo temos moitos temas que non estaban pensados para o directo. Antes non ensaiabamos e agora si. Ademais temos que rexistrar as pezas. 

Agora ben, temos sorte de ter na nosa contorna xente que é profesional no mundo da música. No noso concerto anterior, Nuno, de Grande Amore, axudounos moitísimo. Explicounos como se facía un rider e deunos moitos consellos. Tampouco tiñamos material ao non contar con dar nunca un concerto e prestáronos todo. Estes músicos son os nosos referentes e son un apoio á hora de enfrontarse a un reto como pode ser tocar no Festigal, un evento tan grande e nunha data tan sinalada como o 24 de xullo. Sentímonos moi apoiadas tanto pola organización como polos novos valores e as nosas amizades. É moi bonito tocar, máis se é con amizades que están neste mundo, desde técnicos de son até fotógrafos.     

A nós o que nos parece moi punk é facer temas nós mesmas. Aprendemos moito todo este tempo nos circuítos dos centros sociais. Levamos o punk aos coidados desde o "faino ti mesma", buscamos democratizar o feito de facer cultura.  

Comentarios