O brasileiro Luiz Ruffato súmase á listaxe como “Escritor Galego Universal”

O vindeiro sábado, o brasileiro Luiz Ruffato converterase no novo “Escritor Galego Universal”. Xa na Galiza, Ruffato participará en varios actos públicos para falar da súa obra. 

ruffato

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) entregaralle o vindeiro sábado en Lugo, no transcurso da Gala das Letras, o recoñecemento e “Escritor Galego Universal” ao brasileiro Luiz Ruffato. 

Xa na Galiza, o escritor brasileiro pronunciará esta quinta feira ás 12.30 horas o relatorio “Uma literatura na perifería do mundo” na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Xa na tarde, ás 19:00, será o protagonista dos “Encontros no Paraninfo” na Facultade de Xeografía e Historia, acompañado dos profesores da USC, Carlos Quiroga e Carme Villarino. 

O sábado, Ruffato participará en Lugo nun encontro cos medios de comunicación ás 17.30 no Refectorio do Museo Provincial de Lugo canda outros galardoados cos Premios da AELG nos apartados de “Institucións” e “Os/As Bos/Boas e Xenerosos/as” para logo recibir o premio na Gala das Letras que terá lugar ás 20:00 no Círculo das Artes. 

O nome de Luíz Ruffato súmase ao de Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge e Bernardo Atxaga no premio da AELG que destaca “aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade humana”. 

Luiz Ruffato está considerado un dos máis relevantes autores da literatura brasileira contemporánea. Contista, romancista, xornalista e poeta, na súa obra destacan títulos como Inferno Provisório, Eles Eram Muitos Cavalos, ou a pentaloxía Inferno Provisório, o que se presenta como o seu gran proxecto literario arredor da historia da clase traballadora brasileira.

Comentarios