XOSÉ LOIS GARCÍA, ESCRITOR

"No Brasil están moi atentos a Galiza, máis que os portugueses"

Esta quinta feira realízase na universidade brasileira Unicentro, no Paraná, o II Seminário Internacional Xosé Lois García, un dos máximos especialistas galegos no mundo da Lusofonía, sobre o que ten numerosos libros. Ademais, é colaborador deste xornal e ten publicado unha ampla obra poética e ensaística sobre outras temáticas. 

PC170117
photo_camera Xosé Lois García

-Esta semana realízase nunha universidade brasileira o II Seminário Internacional Xosé Lois García. É vostede unha figura moi respectada no Brasil, publicou tamén unha antoloxía de poesía brasileira, de onde lle vén esta relación?


-Eu non son un filólogo, a miña disciplina universitaria é a historia, e a miña visión é semellante á de Fernando Pessoa, que dicía "a minha pátria é a língua portuguesa". E eu digo a miña patria é a lingua galaico portuguesa brasileira, con todo o compendio das falas africanas. No Brasil están moi atentos a Galiza, máis que os portugueses. Os africanos aínda non nos descubriron, algún día o farán, pero os brasileiros saben que a lingua que falan naceu no entorno xeográfico, como eles din, de aquén e alén Miño. Realmente eu levo 40 anos escribindo sobre temas da Lusofonía, esta a Brasil será a sétima viaxe que fago alá. 

-Vostede tamén é experto noutras literaturas lusófonas, nomeadamente as africanas. 


-Eu estiven catro veces en Angola, dúas en Mozambique, en São Tomé, en Guiné Bissau, en Caboverde. Si, coñezo e divulguei, publiquei libros con antoloxías da poesía mozambicana e da angolana, e en publicacións e revistas da saotomense e da caboverdiana. Coñezo porque son moitos anos, porque son bastante vello xa, e 40 anos é bastante para que un se especialice, entre aspas. 

A miña patria é a lingua galaico portuguesa brasileira, con todo o compendio das falas africanas

-Parece que a Portugal o atendeu menos. 


-Eu viaxo moito a Portugal e teño estado en universidades dando relatorios. Portugal, volvendo ao que nos dicía Castelao e Vilar Ponte, é o punto de lanzadeira a outros países, e o coñecemento de Portugal levoume a África e ao Brasil. E teño publicado a antoloxía Floriram cravos vermelhos: antología poética da expressão portuguesa em África e Ásia. 

-Ademais da súa extensísima produción poética, ten publicado ensaios sobre Castelao, o románico, Novoneyra, Manuel María... 


-Eu falo moito, como podes ver, e cando non teño con quen falar, escribo. Entón, os meus traballos sobre a Lusofonía son traballos divulgativos para que os lectores da Galiza coñezan o que está a acontecer noutros países de lingua común. Entón a nosa lingua, se algunha vez se ten que salvar, témolo que facer primeiro nós. E despois temos que divulgar a nosa cultura polo mundo. 

-É vostede unha referencia da cultura lusófona en Galiza, e aínda sorprende máis o feito de que vostede teña base vital en Barcelona. 

-Eu sempre digo que teño dous cuarteis xerais, un en Barcelona e outro na Galiza. Eu teño 72 anos, vin aos 20 para aquí, levo 52 en Barcelona e non me asimilei, porque ninguén se asimila. Eu son galego, fun curtido por unha cultura propia, que non renuncio a ela, pero tamén defendo o que aprendín de Catalunya. 

Estamos nós máis virados desde a Galiza cara a Portugal, que Portugal cara os galegos. Non é así cos brasileiros.

-Como ve a evolución da relación de Galiza coa Lusofonía? Na Galiza o reintegracionismo avanza, aínda que as relacións estábeis cos países lusófonos non pasan de esforzos puntuais, sobre todo no mundo da cultura. 


-A min parécenme ben todos os achegamentos e todas as experiencias. Paréceme ben o reintegracionismo desde o punto de vista de recuperar as vellas esencias. Creo que si, está avanzando, ten forza, e alégrome moito, dentro da confusión lingüística que temos. Imos avanzando, xa sabemos as contradicións que ten Galiza desde a vinda da democracia en canto a liberdades de expresión. E os contactos tamén son importantes, e os reintegracionistas teñen contactos con Portugal e co Brasil. Hai unha chamada Academia Galega da Lingua Portuguesa e son traballos positivos. 

-Hai pouco a escritora Hélia Correia dicíanos que a Galiza mira para Portugal, pero Portugal está a outra cousa, mira máis cara a Europa. 


-Eu coincido nisto. Desde hai xa moitos anos as librarías galegas estaban moi surtidas de libros portugueses e brasileiros, e cando naceron os departamentos nas universidades había unha demanda, mentres que en Portugal non hai presenza ningunha. Entón, cando falamos de Portugal sería mellor falar de Douro e Miño, onde se formalizou a antiga nación galega. Os portugueses entre Douro e Miño aínda nos din galegos, pero en Lisboa sempre andaron con ese medo dos españois, que os invadiron. E é verdade, ignórannos totalmente. Cando dis: "Son da Galiza", eles responden, "Ah, español". Entón estamos nós máis virados desde a Galiza cara a Portugal, que Portugal cara os galegos. Non é así cos brasileiros. Hai un gran descoñecemento da Galiza, outra cousa son os intelectuais, eles si que coñecen. A gran masa non nos coñece, como moita xente da Galiza non coñece os portugueses. Unha vez falando con Salvador Espriu, díxome "estaba eu en Tui e vin que os galegos desafiaban moito os portugueses, iso quere dicir que sodes da mesma familia e que compartides moitas cousas, mesmo o insulto". Eu penso que iso era mutuo. Houbo moitos contactos entre Risco, Castelao, Otero Pedrayo, etc. con Teixeira de Pascoães, con Jaime Cortesão, con Leonardo Coimbra, cos grandes intelectuais da época. Iso, en parte, é positivo. Pero en xeral non é así. Non sei se nos ignoran ou se tratan de ignorarnos, o que si é certo é que non teñen interese como nós temos por eles. 

Galiza sempre foi, entre aspas, un apéndice de Catalunya

-Que cre que se pode facer para fomentar as relacións con toda a Lusofonía?


-Eu non son reintegracionista, pero escribo en portugués e teño escrito catro ou cinco libros nesta lingua, e por outra banda, tamén hai achegas de moitas persoas que non son reintegracionistas. Hai tamén certa confusión, que eu nunca aceptei certos comportamentos de traducir do galego para o portugués e viceversa. É unha cousa inaceptábel tendo unha lingua común. Cando digo que non son reintegracionista, quero dicir que non estou asociado a ningunha organización deste tipo, aínda que por suposto teño relación con eles e eles comigo. 

-Vostede chegou a Catalunya con 20 anos e viviu a evolución desde a autonomía até o proceso de desconexión no que están actualmente. Como o veu un galego que leva alí toda a vida?


-Eu sempre vin a mesma Cataluña: un país normalizado. Cando viña por aquí Manuel María, que veu dar moitos relatorios, el dicía: "estes tipos están completamente normalizados". Mesmo no franquismo foron todos a unha como en Fuenteovejuna, non como dicía o Conde de Gondomar, "somos galegos e non nos entendemos". Non hai comparanza. Nós non fixemos revolución industrial, e os cataláns fixeron dúas, unha comercial no século XIV, e outra a principios do XIX que foi industrial. E a burguesía catalana foi fiel ao país, nós non tivemos industria, e o intento de Ibáñez, por exemplo, que quixo poñer uns altos fornos, acabou como acabou, o caciquismo freouno. En Catalunya houbo unha burguesía que industrializou o país e que creou un proletariado. Mentres, en Galiza houbo unha burguesía subsidiaria de Madrid. 

En Cataluña houbo unha burguesía que industrializou o país e que creou un proletariado. Mentres, en Galiza houbo unha burguesía subsidiaria de Madrid. 

-Como cre que pode saír Galiza dun momento histórico coma este no que pode pasar de todo?


-Galiza sempre foi, entre aspas, un apéndice de Catalunya. O Rexurdimento vén despois da Reinaixença catalana. Murguía, que creou o rexionalismo máis radical que deu corpo ao futuro nacionalismo galego, andou por Catalunya, como Brañas. E as Irmandades da Fala tamén son unha imitación a partir da recuperación do idioma que en 1911 Pompeu Fabra normativiza. Os cataláns xa levan máis de 100 anos cunha normativización dunha lingua. E normativizar unha lingua é normativizar o país, ao final. 

-En que momento está a comunidade galega agora mesmo en Catalunya. Os novos galegos e galegas estánse a integrar na comunidade?


-Non te creas, non, non. Agora non hai emigración galega, máis ben veñen como estudantes, pero a emgración dos anos 50, 60 e 70 rematou. Os galegos, co seu problema de inferioridade a costas, nunca intentaron falar en catalán, falábanlles aos fillos en castelán, e naceu unha segunda xeración de galegos que se criaron en castelán. Teñen sentimentos galegos? Posibelmente, porque teñen ido a Galiza, pero é unha xeración completamente perdida. En Catalunya houbo 400.000 galegos censados, en calquera intre escoitabas galego no metro. Hoxe, escasea. Xa hai terceiras xeracións que maioritariamente non tiveron conciencia do país galego, porque vivían no triángulo fábrica-casa-bar. E hai moitos reacios a Catalunya, e vexo que a grande clientela do PP en Catalunya son moitos galegos.

Comentarios