Contracultura

Branca Novoneyra: "Os primeiros capítulos do 'Ulises', a nivel estatal, foron publicados na Galiza grazas á Xeración Nós"

Branca Novoneyra, poeta e membro da Fundación Uxío Novoneyra, foi unha das promotoras da participación da cidade de Lugo no programa Ulysses European Oddisey que conmemora o centenario da publicación do libro de James Joyce. A cidade foi, ademais, a única escollida en todo o Estado español para formar parte desta celebración, que tivo lugar entre o 19 e o 21 de maio.
Branca Novoneyra, á fronte, durante o primeiro brinde literario do programa (Foto: Adra Pallón).
photo_camera Branca Novoneyra, á fronte, durante o primeiro brinde literario do programa (Foto: Adra Pallón).

—Como se chegou a propor a candidatura de Lugo para participar na conmemoración?
Este é un proxecto de Europa Creativa, quizais a liña de proxectos culturais máis potente que ten a Comisión Europea. É un proxecto que lanzaron uns socios irlandeses que, ademais de contar coas cidades nas que viviu Joyce, tamén foron recollendo propostas a través destas oficinas europeas. Lanzaron convocatorias abertas por concorrencia competitiva e nós decidimos presentar un proxecto facendo moito fincapé en que o Ulises de Joyce tivera moita importancia na nosa literatura e cunha proposta específica para o capítulo oito.

Cada cidade das escollidas celebra un dos 18 episodios do libro e este en concreto ten lugar na hora do xantar. Así, durante o capítulo, ademais do monólogo interior característico dos personaxes, tamén se van enumerando distintas tabernas e tapas.

É un capítulo moi centrado na comida e no estómago. Por ser un proxecto especificamente literario, á Fundación Uxío Novoneyra interesáballe moito participar, así que unha vez que gañamos tamén implicamos a Concellaría de Cultura e Turismo para que puidera desenvolverse un bo programa na cidade. Lugo, para nós, era a urbe axeitada para desenvolvelo porque aínda ten moita vida relacionada coa comida, o consumo e os mercados. 

—Como articularon as diferentes actividades arredor deste capítulo?
O tema asociado ao capítulo que nos deron desde o proxecto era a produción, distribución e consumo de comida. Nós xa tiñamos moito traballo feito noutros proxectos en relación ao quilómetro cero ou ao consumo alimentario, tamén en mercados doutras cidades. Cada cidade tamén tiña que organizar un simposio e unha programación artística. Queriamos facer unha programación aberta e participada, involucrando todos os colectivos da cidade; na súa maioría de escritoras e escritores, mais tamén a Banda Filharmónica, o Círculo de Belas Artes, o Museo Provincial ou o colectivo de danza Os tres monos.

Así, xurdiron actividades tan diversas como unha visita sonora polo mercado ou roteiros pola zona de viños de Lugo, que non está tan masificada como quizais ocorre noutras cidades, incluíndo a réplica dunha das tapas do capítulo que fixo Álvaro Villasante no seu restaurante Paprica. Tamén viñeron tres dos tradutores da última versión do Ulises, publicada en 2010 por Galaxia: María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle.

Alí contaron sobre eses 12 anos que dedicaron a este proxecto, así como a historia da tradución desta obra, que tamén foi algo que sinalamos cando propuxemos o proxecto. Os primeiros capítulos do Ulises a nivel estatal foron publicados na Galiza grazas á tradución que foron facendo desde a Xeración Nós antes de que sucedese en castelán, éuscaro ou catalán. 

—Tras este esforzo, cal foi a acollida recibida?
Xa desde os primeiros días tras a celebración recibimos moi bo retorno. Estamos moi felices porque foi unha programación que desenvolvemos con gran liberdade no espazo público e que tamén foi ben recibida polos colectivos da cidade implicados. Máis aló dos sectores produtivos, tamén tiveron moi boa acollida as dúas lecturas que organizamos do capítulo 8, unha delas no Círculo de Belas Artes e outra na Praza Maior a cargo dos Lupercais.

Tamén temos moito que agradecer a Adra Pallón, que vai marchar a Estambul a desenvolver a residencia asociada a este centenario e quen se encargou de cubrir todos os actos e facer a documentación gráfica da fin de semana. Tiñamos a intención de publicar todas as intervencións teóricas do simposio, mais tamén é unha sorte poder contar con el despois do traballo que xa fixera no Mercado de Lugo. 

Comentarios