Branca Novoneyra e Márcio-André pechan a edición de Poetas Di(n)versos

A galega Branca Novoneyra e o brasileiro Márcio-André poñen o luns día 3 no Centro Ágora o pecho á cuarta edición de Poetas Di(n)versos, o ciclo coordinado por Yolanda Castaño. 

Branca Novoneyra
photo_camera Branca Novoneyra

Ás 20.30 do luns 3 de xuño a poeta galega Branca Novoneyra e o brasileiro Márcio-André clausurarán o programa da cuarta edición de Poetas Di(n)versos, o ciclo de poesía coordinado no Centro Ágora da Coruña pola poeta Yolanda Castaño que comezou no pasado mes de outubro. 

Cada mes a actividade, dependente da Concellería de Cultura, convoca un encontro de poetas de fóra con voces galegas no único programa estábel de poesía con esta feitura coa que se convida a creacións galegas e foráneas. Desta volta, para poñer fin á cuarta edición, ofrece dúas propostas que teñen en común estar protagonizadas por dous creadores nacidos en 1978, con dous libros publicados e que ofrecen a súa poesía ao público en intervencións nas que botan man da música, o teatro ou a danza. 

Márcio-André presenta a súa poesía con música, efectos sonoros e da man da performance como modo de expresión. Branca baila os poemas convertendo o recitado nun completo espectáculo. Márcio naceu en Rio de Janeiro e é, alén de poeta, artista sonoro e visual, e Branca, natural de Lugo, dedícase á danza contemporánea, sempre en relación coa poesía. Son, ademais, dinamizadores e promoven diferentes proxectos como o filme “Artaud en Compostela” no que participa André ou o ciclo “Picaversos” que promove Branca Novoneyra en Compostela canda a poeta Olalla Cociña. 

Comentarios