Brais Nogueira, Balea Cultural: "Cubrimos eventos culturais de vangarda en galego e cunha perspectiva alén da dos medios xeneralistas”

Balea Cultural é un medio de comunicación dixital que naceu en 2018 e que está especializado no xornalismo cultural. Os seus fundadores, Mario Fernández e Mauro Borrazás, buscaban confeccionar un espazo no que tratar sobre eventos culturais non tan comerciais. Brais Nogueira, que se uniu pouco tempo despois do seu nacemento, explica que o obxectivo de Balea Cultural é tender cara á profesionalización do medio ao tempo que lle dan presencia e voz a proxectos culturais feitos en lingua galega.  
 
Brais Nogueira está especializado en cinema (Foto: Nós Diario)
photo_camera Brais Nogueira está especializado en cinema (Foto: Nós Diario)

Como naceu Balea Cultural?

Balea xurdiu porque os meus compañeiros Mario Fernández e Mauro Borrazás asistiron ao WOS Festival en Santiago e pensaron que estaría ben que existise algún medio de comunicación que cubrise eventos culturais de vangarda en galego e cunha perspectiva que fose máis aló do traballo feito por medios xeralistas e medios especializados que xa existían e que eles coñecían e que, realmente, a este tipo de música non se lle adoita prestar atención.

A idea orixinouse así, e posteriormente eles xuntaron ás persoas que, baixo o seu criterio, debían formar parte do medio. Entre elas estaba eu, que escribo sobre todo de cinema. Foi aí cando entrei no proxecto, e pouco a pouco fun gañando peso no que veñen sendo as tarefas de sacar adiante a Balea, axudando tanto a Mario como a Mauro. 

Cantas persoas escriben actualmente no seu medio?

O feito de non ser un medio profesional fai que no día a día de Balea esteamos catro persoas fixas a escribir. A iso súmanse as colaboracións das persoas interesadas. O feito de que non poidamos pagar os textos polo de agora é algo co que eu non estou conforme, porque non creo nesa máxima de que o xornalista non debe cobrar polo seu traballo. É algo no que traballamos para cambiar. Penso que ao longo de toda a historia do medio puideron pasar decenas de persoas por Balea. É difícil de cuantificar, porque son persoas que van desde colaboracións esporádicas até colaboracións habituais e periódicas.

Como se leva a cabo a escolla de temáticas e contidos?

A nosa prioridade, aínda que non sempre chegamos, é cubrir as cuestións que ocorren na Galiza. Todo o galego ten que ter prioridade, e mesmo nós intentamos dar pulo a proxectos feitos en galego. Iso non significa logo tratalos mellor ou peor, porque aí xa entra a calidade da proposta cultural. Pero que teñan presencia e voz nos medios parécenos fundamental.

O feito de, como che dicía antes, non ser un medio profesional fai que non teñamos unha listaxe pormenorizada de todos os temas a tocar. Por unha banda, vai nos gustos das persoas que escriben, e logo buscamos un equilibrio entre iso e temas que consideramos moi relevantes e que pensamos que deben ser analizados. 

Xa mencionou o feito de que non son un medio profesional. Esa cuestión e as dificultades derivadas leváronos a pensar algunha vez en frear o proxecto?

Esta situación xera moitas contradicións. Por unha banda é un proxecto noso e queremos loitar por el, mais por outra, todos os que escribimos en Balea temos que comer e compaxinar outras actividades estudantís ou profesionais. Intentamos que o medio non se resinta, pero é inevitábel que haxa meses nos que a cantidade de artigos publicados se reduza. Intentamos garantir a calidade ao máximo, pero o número de artigos non sempre é posíbel. Moralmente tampouco lle podemos pedir a ninguén que escriba con nós sabendo que esa persoa non vai cobrar. 

Dáselle apoio na Galiza aos medios culturais especializados?

Neste punto quero ser moi franco, e deixar claro que esta opinión é miña particular. O problema dos medios na Galiza é que existe unha endogamia absoluta. Se nun medio político, os xornalistas son amigos dos responsábeis políticos, ármase un escándalo. Nos medios culturais iso non pasa.

Gran parte dos medios culturais galegos teñen amizades e proximidade con persoas e institucións que, se ben non garanten o sustento económico deses medios, si que facilitan moito a súa existencia. O problema vén cando iso condiciona o teu contido e conduce a unha peor calidade dos artigos publicados.

Comentarios