Contracultura

Brais Morán: "Sempre me gusta que cando alguén escoita a miña música me diga que lle soa a min"

Brais Morán pon a voz e a guitarra na súa banda, Nasaufunk, coa que pretende introducir os ritmos disco e funky no panorama actual da música galega. Morán aborda connosco as súas influencias, así como un futuro disco co que agarda conquistar o público, pois, como el di, "ao final é o que fago eu: música para bailar".
O guitarrista e cantante da Coruña Brais Morán. (Foto: Cedida)
photo_camera O guitarrista e cantante da Coruña Brais Morán. (Foto: Cedida)

—Despois de publicar un sinxelo, Nasaufunk Mameluca, hai disco en camiño?
Si, o que pasa é que aínda non sabemos datas exactas. Nestes momentos estamos enfocados en ir sacando sinxelos que formarán parte do camiño dese disco próximo e, de feito, o próximo tema sairá en cuestión de semanas. Publicar un disco é un proceso complexo e que implica moitas cousas a nivel emocional, así como de esforzos económicos.

A acollida de Nasaufunk Mameluca foi moi boa porque acababa de rematar o verán cando o publicamos e o vídeo creou esa paisaxe dunha festa de verán nun piñeiral. Queriamos que transmitise esas ganas que tiña a xente de desfrutar e de saír a flote despois duns tempos escuros como foron os da pandemia e, de feito, as persoas que escoitan o tema dinnos que lle dan ganas de saír a bailar. Ao final é o que fago eu: música para bailar. Este tema que está a piques de saír é bastante disco, mais ás veces prefiro que a xente valore e xulgue por si mesma antes de dicir nada ou crear unha expectativa. Simplemente, agardo que soe a Brais Morán e que teña este ritmo que define os nosos últimos temas.

—Ao final, é un ritmo que, sendo disco, tamén mestura moitas outras influencias, non?
Eu son bastante ecléctico no que respecta a gustos, composición e demais, mais é certo que sempre tirei moito cara ao funky. O primeiro disco que saquei como Brais Morán, Cruzando a eclipse, tira moito cara ao rock e ao pop, porque eu tamén son moi rockeiro. O segundo traballo, No Mato do desespero, é quizais o máis ecléctico que fixen porque bebe moito do funky, de músicas africanas e de ritmos brasileiros ou do tradicional da Galiza. Hai un pouco de todo nese traballo. Con todo, sempre gardo un certo grao de homoxeneidade e gústame que nos discos que saco haxa unha relación. Para min, os discos son como un conto no que falo de aspectos moi actuais que me inspiran, estados de ánimo, a realidade, experiencias que vivimos...

Este terceiro disco que sairá vai na mesma liña que o tema Nasaufunk Mameluca: un funky moi disco. Precisamente, porque unha das cousas que máis me gusta é a música disco dos anos 70.

—Haberá colaboracións?
Seguro. Ao estar en camiño aínda temos que ver cales poden encaixar co próximo disco, mais algunha haberá porque xa o fixemos noutros momentos, como no anterior disco, con Xiana, de A banda da loba, e Tanxugueiras, ou noutros momentos con Narf.

—Como cre que encaixa este estilo no panorama actual da música galega?
Penso que este compendio forma parte da miña personalidade como artista. Sempre me gusta que cando alguén escoita a miña música me diga que lle soa a min. Evidentemente bebo de moitas influencias, mais sempre hai un son propio que se nota na voz ou no tipo de composición. Neste sentido, penso que acabo construíndo un mundo que é moi meu. Aínda que logo, como digo, as influencias son moi variadas: música dos 90 e dos 70, funky, disco, soul ou inclusive cousas modernas que se están facendo agora e nas que tamén me estou fixando, como Harry Styles ou Dua Lipa, que me parece tremendo o que fai.

Que non haxa tanto que se poida ver dentro do estilo deste disco no que traballamos é bo, porque tamén é o que nos desmarca. Claro, coñezo artistas e xente da profesión aquí na Galiza que teñen unha onda moi parecida, mais estar practicamente só no que fas é un bo sinal. Pode ser que nos tempos de agora non estea tan demandado este estilo de música, mais tamén sabemos que en calquera momento pode haber unha explosión outra vez e que as persoas comecen a fixarse noutro tipo de proxectos. Aí estaremos preparados. A música disco sempre se escoitou moito e eu penso que hai que ser fiel ao estilo de cada un. Despois, que saia a flote ou non un proxecto, depende dos tempos e da industria.

Comentarios