Brais Morán publica un primeiro disco en solitario “máis adulto e combativo”

Brais Morán, ex líder de Loretta Martin, vén de publicar esta semana o seu primeiro disco en solitario, 'Cruzando o eclipse', no que afronta a idade adulta con rock, letras máis persoais e un punto máis combativo. 

braismoran
photo_camera Brais Morán

Trátase dun disco “máis persoal, con letras máis directas, con máis rabia”, segundo Morán, compositor dos trece temas do disco. Logo do seu paso por Loretta Martin, con quen gravou dous traballos, 'Cruzando o eclipse' supón a súa entrada no mundo dos adultos. “É un traballo que me fai madurar, cae a miña xuventude e comeza a etapa da madurez. É un antes e un despois. Este parece o ano dos eclipses, así que decidín usalo como símbolo do cambio para comezar a miña carreira en solitario”, explica.

“É un traballo que me fai madurar, cae a miña xuventude e comeza a etapa da madurez".

“Falo en primeira persoa, hai máis loita, falo do día a día na mundo da música”, debulla un Brais que se apunta á loita constante, sen abandonar “a esperanza e o positivismo”. “Os que cantamos en galego queremos demostrar que podemos chegar tan lonxe como queiramos. Con Loretta Martin xa o demostramos, e tamén comprobamos que ás veces mesmo te reciben mellor fóra que dentro”. 

O single co que se abre o disco é unha “coprodución” con Fran Pérez 'Narf' na que Morán usa o retrouso da canción 'Destino' do cantautor compostelá e engádelle outras estrofas. “Coincidimos xuntos nun proxecto en Portugal e cantei con el este tema e gustoume moito”, explica Morán. “É a única colaboración do disco, ademais dos coros de Belén Tajes -Voodoo ou Sisters in the House- e Claudia Morán”. 

A vida en directo de 'Cruzando o eclipse', cuxa produción foi financiada a través de crowdfunding, comeza coa súa presentación o vindeiro día 11 de decembro no Garufa Club da Coruña. Desde esta semana xa podemos atopalo tanto nas principais plataformas dixitais como nas tendas de discos, publicado por Borderline Music e distribuído por Discmedi. 

Comentarios