Bragado deixa a dirección de Edicións Xerais

Manuel Bragado (Vigo, 1959) continuará vinculado á empresa como asesor editorial. Pon fin "a petición propia", segundo a editora, a unha longa etapa profisional de 24 anos.

Manuel Bragado
photo_camera Manuel Bragado

Un escueto comunicado enviado aos meios ao fío das 15 horas por Xerais daba conta da decisión de Manuel Bragado de pór fin a unha longa etapa de 24 anos ao fronte da dirección xeral da editora.

Bragado, segundo o comunicado, continuará a colaborar coas empresas do Grupo Anaya -ao que pertence Xerais- en calidade de "asesor editorial".

Xerais agradece a Bragado a súa "profunda e comprometida dedicación" ao longo de case tres décadas."Todo este tempo supuxo un intenso revulsivo para a proxección social da cultura galega a través dos libros e a lectura", afirma a editora.

Alén do seu labor como director editorial, Bragado mantén unha intensa actividade na rede, nomeadamente através do seu blogue Brétemas. Nel aínda non apareceu ningún post en relación á súa saída da cúpula directiva de Xerais.

Comentarios