De Botín e Evita Perón a Saint-Just: a Armada de Discos da Máquina pon música aos seus monstros

O primeiro disco compilatorio das bandas deste selo independente – Das Kapital, Ataque Escampe, Caxade...- desembarca este sábado en M!randa (Compostela). Concertos mini-acústiucos e copias exclusivas nun acto a gosto de Lance Amstrong, Laika ou Saint-Just.

das kapital
photo_camera das kapital

Os monstros non viven baixo das camas dos nenos, prefiren habitar nas cancións da armada fletada por Discos da Máquina, o selo independente radicado en Compostela. O agardado traballo compilatorio da discográfica será presentado este sábado, 13 de decembro, en M!randa (R/Tras de Salomé. Compostela) a partir das 13:00 horas. Alí venderanse as 100 primeiras copias limitadas deste disco e haberá mini-concertos acústicos das bandas participantes: Gram Poder, Caxade, Ataque Escampe, Sub-Rosa, A Magnífique Bande dos Homes sen Medo, Das Kapital e The Lost Omellette-Makers.

En principio son seis os temas que compoñen este disco. Gram Poder céntrase na historia de Lance Armstrong, onde “hai moitas traizóns e unha moralexa”.  A Magnifique Bande dos Homes sen Medo escolleu a Apostolos Mangouras. “De pequeno quería ser capitán,  pero o destino habíao levar por escuros e pegañentos  camiños, plagados de seres diabólicos capaces de truncar a vida dun humilde mariñeiro e convertila nun pesadelo interminábel”.

Emilio Botín é o monstro que escolheu Caxade para incluír no EP temático Monstros da Máquina vol. I, “Na estepa da miséria por crise intelectual, um novo perfil contemporâneo de monstro precede umha poeira, um holograma da metáfora perfecta dessa nuvem na que depositárom os sonhos que nos vendérom, e que nós comprámos a uns novos donos em régime privado e em exclusividade: o banqueiro vaqueiro busca o seu Botín”

Sub Rosa e Ataque Escampe asinan a medias un tema sobre Eva Perón. “Monstruoso, fóra de categorías morais, é o extremadamente grande. Eva Perón encerra, como pouca outra xente, esa grandeza”

Saint-Just foi un revolucionario francés do século XVIII, leal ate as últimas consecuencias a Maximilien Robespierre. É tamén o monstro escollido por Das Kapital para este disco.

Laika, a escolla de The Lost Omelette-makers, é a última da nómina. “Son Laika. Sodes Laika. Vivirei en todos vós. Esta é a miña fin. Este é o voso principio. Este é o principio da súa fin. Que nos oian ladrar”

Comentarios