Bota a andar con Xurxo Souto o primeiro festival de narración oral de Oia

A Asociación Costa dos Castros organiza esta fin de semana a primeira edición do Festival do Rei Sol de Narración Oral de Oia que nace coa idea de recuperar a memoria oral da zona.

xurxosouto
photo_camera Xurxo Souto [Foto: Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB)]

O evento xurdiu por mor da Festa do Rei Sol que se celebrou o ano pasado no castro de Cano dos Mouros, recuperando unha lenda local que conta como cada atardecer o Rei Sol sentaba ao pé deste castro en Viladesuso a contemplar a posta de sol. 

Este ano Costa dos Castros vai máis aló e organiza un auténtico festival de narración oral con actuacións estelares de Xurxo Souto, Cándido Pazó e Soledad Felloza, entre outros.

O festival arrincou hoxe -sexta feira- coa actuación de Xurxo Souto, que ofrece o seu espectáculo “Contos do Mar de Irlanda” que mestura música e unha colección de historias extraordinarias que contan as vivencias de mariñeiros galegos polo mundo.

O sábado 1 pola mañá Viravolta Títeres ofrece un obradoiro para nenos no Centro Cultural de Pedornes en dous pases. E, xa pola tarde, o antropólogo Rafa Quintía dará unha charla sobre os mouros na tradición galega, que se atopan ata no mesmo nome do castro onde se orixina o Festival do Rei Sol: Cano dos Mouros. Á noite chegará a quenda de Cándido Pazó e o seu espectáculo “Que comerá o Rei?”, unha sesión de historias inspiradas nos debuxos e textos de Castelao e tinguidas do humor agudo do actor e dramaturgo.

O domingo 2 de outubro é o día de festexar o propio Rei Sol no castro de Cano dos Mouros, Viladesuso. Comeza cunha visita guiada ao castro e logo actuarán o grupo de teatro de Mougás e o grupo “O Mellor de Cada Casa” de Viladesuso cun espectáculo baseado nas mitoloxías da Gallaecia antiga recollidas no libro ‘Vento e Chuvia’ de Manuel Gago. E, para rematar, logo da posta de sol, a noite dará paso á actriz Sole Felloza cunha sesión de narración oral.