Bota a andar o Rexenera Fest 2017

Xa están en Carballo os nove artistas que intervirán desde hoxe noutros tantos puntos estratéxicos do seu rueiro. 

sekone
photo_camera Intervención de Sekone

Hoxe segunda feira comeza o Rexenera Fest 2017, o Festival Internacional de Arte Pública de Carballo que está a facer da vila bergantiñá un lugar non só máis fermoso senón tamén máis humano e habitable. E comeza tamén a primeira das master class deste ano, “Stencil aplicado ao mural: Aprendizaxe da técnica do stencil”, que impartirá no Forum Carballo Andrea Michaelsson, alias BToy, artista urbana de Barcelona recoñecida internacionalmente. O outro relatorio será a conta do artista vigués Powone, un dos pioneiros do graffiti en Galiza, que disertará sobre a técnica do aerosol titulada "Da foto ao muro". 

Os nove artistas que están a intervir nas rúas da vila son os galegos Sekone (Galiza), que está a pintar na rúa Avenida de Fisterra; Yoseba MP (afincado en Compostela), na rúa Vila de Negreira; Isaac Cordal co seu proxecto Eclipses de Cemento e Iria Fafián. Desde Cataluña chegan Cinta Vidal, na rúa Vázquez Parga, e Saturno, que pintará nas paredes do edificio do Fórum. Desde Italia chega Jorit e desde América Latina farán o propio a arxentino-lusa Animalitoland e o mexicano Curiot

Os e as artistas convidadas tamén ofrecerán o 3 de xuño microrrelatorios nos que contarán a súa experiencia persoal. E, pola noite, haberá unha festa-concerto na Praza do Concello coas actuacións en directo das bandas 2Pasos + Tomas Dylan, Alto Asalto e Igmig. 

Comentarios