'Conseguiremos' a primeira serie do proxecto

Bota a andar o audiovisual 'Novas voces para a lingua'

Conseguiremos é o título da serie que dá comezo ao proxecto Novas voces para lingua, que lanzan entre a Real Academia Galega (RAG) e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Compostela (USC), e que ten por obxectivo conectar a mocidade co idioma.
A medio galega foi escollida polas profesionais do fútbol como unha das tres mellores centrocampistas do planeta (Foto: Nós Diario).
photo_camera A futbolista Vero Boquete é a protagonista do primeiro capítulo. (Foto: Nós Diario)

A serie Conseguiremos consta de cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas que supón un exemplo da Galiza con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da súa vida, da súa creación e do seu desenvolvemento profesional. 

Así, neses cinco capítulos, formarán parte da serie os músicos Alejandro Guillán, Baiuca, e Laura Lamontagne, o director de cine Andrés Goteira, as actrices da Panadaría Teatro, a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga e o xenetista Ángel Carracedo, e tamén a futbolista Vero Boquete, protagonista do primeiro capítulo cunha entrevista no estadio compostelán que leva o seu nome e que se pode ver na canle audiovisual da web da RAG.

A deportista, entrevistada polo xornalista e tamén atleta Víctor Pérez Currás, recalca durante esta charla que "cada vez a xente recoñece máis o valor de ter unha lingua propia, somos máis conscientes".

Novas voces para a lingua é unha idea orixinal de tres estudantes de Xornalismo da USC, Paula Quiroga, na dirección; Lois Alcayde, como guionista; e Meritxell Álvarez, en calidade de produtora. 

Cada peza audiovisual aborda distintas preocupacións que unen as personaxes protagonistas, como o deporte, a ciencia, a creación artística ou a igualdade e o respecto á diversidade, e artellan relatos nos que a cuestión lingüística se integra con naturalidade.

“Gravamos os encontros escapando das campañas publicitarias porque a lingua está aí", explica Paula Quiroga. "Atopamos que unha vez que temos eses espellos nos que mirarnos vemos que nós tamén temos unha relación especial coa lingua”, recalca.

Na presentación do proxecto interveu tamén o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que destacou, "queremos darlles voz a novos creadores e creadoras que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI".

Freixanes engadiu, así mesmo, que "a lingua é nosa, facémola entre todos, cada xeración é un pulo de esperanza, unha voz que inaugura o mundo”.

Comentarios