Os Bonos Cultura de 50 euros da Xunta esgótanse poucas horas despois de estar dispoñíbeis

As persoas beneficiarias da axuda cultural teñen até o vindeiro 31 de decemebro para facer uso dela.
Cartel anunciando o 'bono cultura' nunha libraría de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Cartel anunciando o 'bono cultura' nunha libraría de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)

Ao igual que o ano pasado, o Bono Cultura impulsado pola Xunta da Galiza esgotouse o mesmo día no que a Administración abría o prazo para adquirilos. Se ben na edición anterior as axudas duraron 24 horas, este ano os 20.000 bonos duraron unha hora e vinte minutos.

De igual maneira que noutras axudas e bonos, o Goberno galego optou por empregar un método de concorrencia temporal para conseguilos. Así, os bonos foron parar ás mans das persoas máis áxiles ou que estaban pendentes do prazo de apertura, no canto de analizar caso por caso que persoas son as que máis precisan estes descontos.

En concreto, o Bono Cultura da Xunta permite beneficiarse de descontos de 50% até esgotar o crédito de 50 euros por persoa.

Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían a respecto da edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural —museo, casa-museo, etc.—, salas de cinema, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras actividades.

Condicións e prazos

As 20.000 persoas que conseguiron adquirir os Bonos Cutura teñen até o vindeiro 31 de decembro para facer uso dos descontos de 50% que recolle a axuda.

Neste sentido, a campaña reeditará as condicións do ano pasado con algunhas novidades. Así, incluíronse novas cuestións nas bases para a participación das empresas. É o caso das dadas de alta na venda ao por menor de discos, así como o comercio de instrumentos musicais, que poden participar a condición de que comercialicen algún dos produtos e servizos obxecto da convocatoria.

Tamén se ampliou o teito de gasto que cada estabelecemento pode ter no marco desta campaña, até 30.000 euros, fronte aos 20.000 que inicialmente se fixaron na edición anterior. O orzamento total do Bono Cultura 2022 é dun millón de euros, pero o obxectivo é mobilizar dous millóns, dixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Comentarios