Xa dispoñíbel o 'bono cultural' para a mocidade: así podes solicitalo

Esta axuda está dirixida só a persoas nadas en 2004 e que, por tanto, ao longo de 2022 fan 18 anos.
Os videoxogos están incluídos na oferta deste bono. (Foto: Pixabay)
photo_camera Os videoxogos están incluídos na oferta deste bono. (Foto: Pixabay)
  1. Que é o 'Bono Cultural Xove'?
  2. Que podo comprar co bono?
  3. Que inclúen os contidos dixitais?
  4. Cando caduca a axuda?
  5. Como solicitar o bono?

Desde esta segunda feira os mozos e mozas galegas nadas en 2004 —e que polo tanto fan 18 anos ao longo de 2022— poden solicitar o 'Bono Cultural Xove', unha medida impulsada polo Ministerio de Cultura que conta cun investimento total de 210 millóns de euros a nivel estatal.

Que é o 'Bono Cultural Xove'?

O 'Bono Cultural' para as persoas que cumpren a maioría de idade no presente ano consiste nun cheque de 400 euros co que poderán sufragar diferentes actividades e produtos culturais.

Que podo comprar co bono?

Esta axuda está dividida en catro segmentos: un de 200 euros para destinar ao consumo de eventos culturais ao vivo —cinema, teatro, museos...—, outros 100 euros para consumo cultural físico —libros, prensa, revistas...— e unha terceira liña de 100 euros para produtos dixitais. A tauromaquia, porén, foi finalmente excluída.

Que inclúen os contidos dixitais?

Cos 100 euros do bono destinados a produtos dixitais permítese custear a subscrición a plataformas audiovisuais por un período máximo de catro meses. Tamén se inclúe o sector dos videoxogos.

Cando caduca a axuda?

O cheque de 400 euros pode solicitarse desde esta segunda feira, 25 de xullo, e até o próximo 15 de outubro. Os cartos concedidos poderán gastarse no prazo máximo dun ano.

Como solicitar o bono?

Para cursar a solicitude do 'Bono Cultural Xove' é preciso obter un certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou contar co sistema de autentificación Cl@ve.

Comentarios