Os Bolechas coñecen María Victoria Moreno

Son talvez os máis famosos personaxes dos libros infantís galegos. Dezasete anos de idade, 1.700.000 exemplares distribuídos, máis de 550 títulos, Os Bolechas -creados por Pepe Carreiro- entran agora en contacto coa autora homenaxeada nas Letras Galegas, María Victoria Moreno. E fano en papel e en vídeo.
 

RAG
photo_camera Presentación do volume dos Bolechas sobre María Victoria Moreno na Real Academia Galega. Foto: RAG.

O título encádrase dentro da serie As miñas primeiras Letras Galegas. Baseáse no primeiro libro de Moreno, Mar adiante (1973), que relata a historia dunha escola barco. “A aventura dos Bolechas enriquécese con textos da obra orixinal, de xeito que se acheguen ao estilo da autora, do que tamén se ofrece unha pequena biografía”, di a nota de prensa remitida pola Real Academia Galega, onde se presentou o proxecto.

A maiores, o volume coñece unha versión audiovisual. “Trátase dunha serie de monicreques cun formato similar á que vén emitindo a TVG desde hai máis de seis anos”, explica a mesma nota, “permite darlle vida ás historias creadas por Pepe Carreiro para os libros”. Veráse na canle pública durante a semana das Letras Galegas.

No proxecto Letras Galegas dos Bolechas -editado por Edicións Bolanda- colaboran a CRTVG, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Caixa Rural Galega.

Comentarios