Boina Galega é unha aposta pola innovación no deseño e na tradición

"As boinas elabóranse con técnicas moi antigas"

Cando realizou as primeiras encargas de boinas non se imaxinaba a artesá Sandra Vilas, impulsora de Boina Galega, que se ía tornar na renovadora deste complemento tradicional galego. Unha prenda de moda coa que darlle o toque diferente aos looks, desde cerimonias até outfits máis informais, feita con materiais de alta calidade, de forma sostíbel e cunha forte aposta polo deseño. 
 
A artesá Sandra Vilas é a reinventora dun complemento tradicional como o é a boina galega [Imaxe: Boina Galega].
photo_camera A artesá Sandra Vilas é a reinventora dun complemento tradicional como o é a boina galega [Imaxe: Boina Galega].

Cales foron os primeiros pasos de Boina Galega?
A verdade é que cheguei un pouco por casualidade. Foi por un concurso de fotografía no que pretendían poñer en valor a boina como complemento galego e vencellado á lingua, mais atopáronse co problema de que xa non había boinas galegas. Contactaron comigo porque sabían que eu traballaba o feltro e preguntáronme se podería facer unha boina tradicional e comecei a investigar. A partir de aí comezaron a choverme encargas, mais sentía un pouco de conflito persoal porque eu tiña moitas inquedanzas relacionadas co tema do deseño e co uso artístico da la. 
A boina, nun primeiro momento, parecíame que me ía acoutar, que me ía restrinxir á forma redondeada, mais comecei a experimentar, a poñerlle rabiños de cores, a darlle un toque diferente para que non fose tan repetitivo. Quería sacala do clásico, respectando sempre as bases culturais, e aos tempos que corren. Por aí xurdiu e arrasou un pouco co resto do meu traballo, absorbeume completamente. 

As boinas foron unha aposta polo deseño e a calidade.
Si, quería sacalas do seu contexto habitual, tratei de retiralas da contorna á que estaban ligadas directamente. Eu son moi de aldea, e encántame, mais procuraba que chegase a outros contextos, que alguén da aldea puidese ir a unha voda cunha boina. Por que non? A experimentación implicou introducir diferentes técnicas, algunhas traídas desde Xapón e aplicadas ao feltro, e aí xurdiron boinas con sedas. A aposta é sempre por tecidos naturais, algo que para min é moi importante, e polas mellores calidades que poida atopar, e tamén pola base cultural. Por exemplo, saín do feltro cando fixen a boina de palla, igual que os sancosmeiros, e foron elas, as trenzadoras, as que me ensinaron a facelo. 

Fai fincapé na calidade dos materiais que emprega, sempre naturais.  
É difícil de explicar, mais nós non precisamos practicamente nada para facer as boinas, só a materia prima, que é sempre natural. Utilizamos liño, la, seda, bambú -vanse metendo cousas novas-, pero practicamente para facer boina non se precisa nada máis que auga e xabón natural. Entón, o material é sempre de alta calidade. Reciclamos, inda por enriba, todo o que podemos unha e outra vez para que a súa confección teña o mínimo impacto posíbel. Ás veces penso que nós, aínda que nos falte a luz, podemos seguir facendo boinas... Son técnicas tan antigas que non precisamos practicamente ningún consumo.

Tamén realiza unha serie de paxaros autóctonos?  
A idea xurdiu a partir dunha boina que fixen para unha obra teatral, na que me decidín a incluír dentro un ferreiriño. A partir de aí, comecei a facer os paxariños: elaborei xílgaros, paporrubios, todos paxaros dos que temos por aquí, e cada vez vou ampliando máis esa lista. Por exemplo, fixen mostras tanto para o Museo de Historia Natural como para xente que me encarga cousas concretas. É unha forma de concienciación, ás feiras sempre levo un libro de apoio para que os nenos e nenas poidan ter máis datos, á parte de tocalo, ver as cores... Ás veces non sabemos nin o que temos arredor e a intención é dar a coñecer máis esa parte tan nosa. Agora estou en modo ornitóloga, encantada con este mundo dos paxaros, crieime no monte e fascíname. 

Como vive a súa profesión a día de hoxe?  
Son das poucas privilexiadas que non tivo que parar a actividade, mais en xeral coido que se tende a mirar máis, afortunadamente, cara á artesanía e noto que cada vez está máis valorada. Quizais esta situación é boa para reflexionarmos, para tentar revalorizar o noso produto, as nosas tendas, os nosos artesáns, porque, ao final, as persoas que nos están salvando desta situación provocada pola alerta sanitaria somos nós mesmas, os nosos panadeiros, as nosas veciñas... E que bo que poidamos amañar esas pequenas cousas desde aquí, debemos valoralo moito.

Comentarios