QUE FACER?

Boimorto acolle unha nova edición do Festival da Luz

DeVacas
photo_camera De Vacas, esta finde no Festival da Luz

BOIMORTO. FESTIVAL DA LUZ. Da sexta feira ao domingo.

O Festival da Luz, cuxa recadación se destinará a Oncomet, levará a Boimorto as bandas galegas  máis punteiras do momento. Destacamos Terbutalina, Treixadura, Xoán Curiel, De Vacas ou As Tanxugueiras. Tamén haberá presenza de nomes da música española, como o clásico Rosendo Mercado. Música, gastronomía, demostracións e teatro forman parte dunha programación que presta especial atención ás crianzas, que poderán gozar coa Gramola Gominola, con O Censor de monstros ou con O Capitán Garfo, entre moitos outros espectáculos.

ARZÚA. MIGALLAS TEATRO. Esta sexta feira.

A compañía leva a Arzúa Contos nas orellas, un espectáculo teatral para crianzas que terá lugar na biblioteca pública municipal Rosalía de Castro (17.30 h).

RIANXO. ROCK IN RIAN. Sábado 

No marco das afamadas Festas da Guadalupe, Rianxo acolle o Rock in Rian, unha cita de referencia no mundo do rock galego. O festival chega ao seu décimo aniversario e faino da man de Rebeliom do Inframundo, Festicultores, Scandalo GZ, Dakidarría, Odé Zulé e Vendetta. O xantar popular, as ruadas, pasabares e os concertos de sobremesa completan a programación desta cita, que é de balde.

RIBEIRA. GUADI GALEGO. Sábado.

GUADI GALEGO

A voz de Cedeira ou Matriarcas chega a Ribeira para presentar o seu último traballo, O mundo está parado, un disco plural, universal e diverso. Será no Paseo do Malecón (22.30 horas).

CUNTIS. A REVOLTA DO UMIA. Sábado.

O longo de toda a xornada terá lugar no lugar de Cequeril A Revolta do Umia, unha iniciativa en que a arqueoloxía xoga un papel principal. A música póñena As Tanxugueiras, Hai que Roelo ou Abóbriga, entre outros.

PONTEVEDRA. MERCADO DE ABASTOS. Sábado. 

A Sétima Feira é unha iniciativa promovida pola Concellaría de Promoción da Cidade cun dobre obxectivo, a creación dun espazo de mercado para os novos creadores de arte e moda. De 11 a 15 horas.

ALLARIZ. ARTE DE MAN. Domingo

O mercado de artesanía Arte de Man volve a Allariz, na Praza Maior e na Praza de Abaixo. Na XV edición poderemos gozar de pezas de xoiaría, cerámica, vidro, madeira, pintura, téxtil...

Comentarios