Será o seu quinto concerto en Galiza

Bob Dylan actuará en Compostela o 29 de abril

A interminábel xira en que Bob Dylan se embarcou hai xa tres décadas, e que denomina The Never Ending Tour, volverá parar en Galiza. Farao o vindeiro 29 de abril de 2019 no Multiusos do Sar en Santiago de Compostela.

bob dylan
photo_camera O músico estadounidense Bob Dylan. Foto: cedida.

O de Compostela, organizado polo Concello, será o quinto concerto galego do autor de Blood on the tracks (1975). Debutara en 1993 na Coruña, naquel lendario Concerto dos Mil Anos en Riazor. Nove anos despois estivo no Multiusos do Sar. Presentaba Time out of mind (1997), o disco que revalorizou a súa figura e disparou a consideración crítica do Dylan serodio.

En 2004 actuou no Monte do Gozo. Fraga Iribarne, daquela presidente da Xunta e asistente á actuación, declarara: “Fun ao concerto de Dylan como sociólogo”. Vigo foi a última parada galega, en 2008 no Ifevi, nun bolo deslucido polas deficiencias acústicas.

Bob Dylan (Duluth, Minnesota, USA, 1941) non publica material propio desde Tempest, o seu elepé de 2012. Os tres seguintes discos -o último, de 2017, triplo- están dedicados ao cancioneiro de Frank Sinatra. Mais os seus concertos non se nutren unicamente deles. O tamén gañador do Nobel de Literatura 2016 -“por crear novas expresións poéticas dentro da gran tradición da canción americana”, segundo o xurado- transforma o seu repertorio nunha poirenta, profunda viaxe polas tradicións musicais populares dos Estados Unidos.

Comentarios