Bob Dylan á Academia: “Que se acepto o premio? Por suposto”

“A noticia sobre o Premio Nobel deixoume sen palabras”. Estas foron as primeiras declaracións de Bob Dylan após coñecerse o 13 de outubro que fora elixido Premio Nobel de Literatura. O estadounidense acepta o premio. “Por suposto”, salientou.

[Imaxe: Wikipedia] Dylan, nunha actuación en Toronto, en 1980
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Dylan, nunha actuación en Toronto, en 1980

O pasado 13 de outubro, a Academia Sueca anunciaba que o Premio Nobel de Literatura deste ano se lle outorgaba a Bob Dylan “por ter creado novas expresións poéticas dentro da tradición da canción americana”. Durante días, nada se soubo del e especulouse coa posibilidade de que rexeitase o considerado como o máximo galardón literario ao que un creador pode aspirar. O músico, nado en Minnesota en 1941, nin sequera respondía as chamadas da Academia Sueca.

"A noticia deixoume sen palabras"

Esta semana, Dylan púxose en contacto con Sara Danius, da Secretaría Permanente da Academia Sueca, para advertir que “a noticia sobre o Premio Nobel deixoume sen palabras” e que agradecía a honra que representa ser recoñecido co galardón de literatura. O artista engadía: “que se acepto o premio? Por suposto”.

A Academia descoñece se Dylan estará presente en calquera evento durante a Semana Nobel en Estocolmo, que terá lugar en decembro. A este respeito, nunha entrevista publicada por The Telegraph, Dylan, de 75 anos, deixa caer que asistirá, “absolutamente. Si é posíbel”, contesta. Na conversa, o primeiro músico ao que se lle concede o premio literario, confesa sentirse desconcertado, “é difícil de crer”, reflexiona.

Comentarios