O BNG reclama que Ourense recoñeza o escultor Arturo Baltar

Referente cultural e emblema para a cidade. Así define o grupo municipal do BNG ao escultor Arturo Baltar para o que solicita que o Concello de Ourense inicie un expedinte de honra. 

Belén de Baltar
photo_camera Belén de Baltar

Reclama o grupo nacionalista o apoio de todos os grupos presentes no pleno do Concello de Ourense para que se bote a andar o expediente de honra ao escultor Arturo Baltar por toda a súa traxectoria artística mais, de maneira especial, polo coñecido como “Belén de Baltar” no que o escultor reproduciu os  principais elementos da arquitectura, a paisaxe e as tradicións galegas. O Belén, con máis de 500 figuras, foi cedido ao concello e está emprazado na Capela de San Cosme e San Damián. 

“Arturo Baltar, un home comprometido coa cultura e con Ourense, contribúe a través da súa obra a enriquecer o patrimonio cultural da nosa cidade”, sinalan e destacan o valor antropolóxico e etnográfico da súa obra, de maneira especial, do Belén. Consideran que o conxunto escultórico de Baltar supón un  “atractivo turístico de recoñecemento internacional” que reflicte a vida da provincia. Consideran tamén que o recoñecemento responde, dalgunha maneira, á xenerosidade de Baltar que cedeu o conxunto sen contraprestación algunha. 

Comentarios