BNG propón desenvolver a Lei do Libro e da Lectura

Visita institucional da portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta á sede de Edicións Xerais.

PONTON CON BRAGADO VISITA XERAIS3
photo_camera Manuel Bragado e Ana Pontón

Nun encontro co director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, decorrido esta quinta feira en Vigo, a candidata nacionalista á presidencia da Xunta puxo en destaque o carácter estratéxico para o país do sector editorial, quer do ponto de vista da proxección da lingua quer do ponto de vista industrial e da xeración de emprego.

Ana Pontón foi moi crítica coa xestión dos sete anos do Goberno Feijo nesta materia: "Nos últimos anos houbo unha política que socavou as posibilidades de desenvolvimento do noso sector editorial e desaproveitou o compromiso deste sector co país, pese ao seu potencial económico e de creación de emprego nun momento de crise".

O Bloque quer tamén aumentar os fondos destinados á adquisición de obras en galego por parte da rede de bibliotecas públicas

Que propón o BNG en troca? Tal e como lle trasladou Ana Pontón a Manuel Bragado, o BNG o que formula é o desenvolvimento da Lei do Libro e da Lectura -incumprida "clamorosamente" por Feijóo, denunciou-, ben como duplicar o investimento que se encamiña a fomentar a publicación e a tradución de libros en galego. O Bloque quer tamén aumentar os fondos destinados á adquisición de obras en galego por parte da rede de bibliotecas públicas.

Nese sentido, a candidata nacionalista -que parabenizou o traballo da equipa de Xerais que lidera Bragado polo seu contributo "a prol da lingua e da cultura do país"- acrecentou: "Ten que haber un apoio desde as administracións á edición de libros en galego, superando o recorte de máis de 50% dos últimos anos, apoio á compra de libros por parte das bibliotecas públicas duplicando os fondos adicados a este fin e evitar que se reduzan a meros contentores por falta e recursos económicos e de persoal, senón que deben ser centros culturais e dinamizadores da lingua e da cultura".

Comentarios