O BNG pide por escrito o contrato da Xunta con Enrique Iglesias

O BNG rexistrou por escrito no Parlamento unha petición oficial para ter acceso ao contrato da Xunta coa produtora do videoclip de Enrique Iglesias. Defende tamén unha iniciativa parlamentar para a creación dunha liña de axudas para a produción de videoclips de grupos galegos. 

Enrique Iglesias
photo_camera Enrique Iglesias

 

Por escrito. Así solicita o BNG o contrato privado que a Xunta asinou coa produtora do videoclip de Enrique Iglesias polo que pagou 302.000 €. O grupo nacionalista quere coñecer os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas polas que o goberno de Feijóo abonou a elevada cantidade e coñecer se o resultado se corresponde cos compromisos adquiridos polo artista, en especial ao comprobar que as imaxes de cidades galegas se agrupan nos primeiros segundos do videoclip, antes mesmo do inicio da canción “Noche y Día”. 

O BNG rexistrou tamén unha proposición non de lei para a creación dunha liña de axudas destinada a subvencionar videoclips de grupos musicais galegos, convocatoria que promovera a Consellaría de Cultura do goberno bipartito mais que o PP eliminou. Recolle, desta maneira, unha demanda do mundo musical galego que se agudizou ao comprobar como a Xunta financiaba a dedo o videoclip de Enrique Iglesias mentres os grupos galegos non contan con ningunha axuda pública para a súa promoción. 

A indignación do sector

“Compartimos esta indignación e a valoración de que non é de recibo destinar unha cantidade tan
importante a un millonario de Miami, mentres non se apoia e potencia a creatividade
galega”, din na iniciativa na que se demanda un maior apoio para a cultura propia, tamén como elemento de proxección exterior.  Acusan a Xunta de empregar un argumento “falaz e falso” ao eliminar as axudas do bipartito poñendo como escusa a crise económica. 

A proposición, asinada polas deputadas Ana Pontón e Carme Adán, concretiza que a orde de axudas que demanda terá, cando menos, unha dotación económica de 300.000 euros -o que destinou a Xunta ao de Enrique Iglesias- e publicarase no DOG no prazo máximo de tres meses. Engade tamén que o Parlamento insta a Xunta a establecer unha programación “que visibilice a creatividade musical de Galiza e que sexa un escaparate para a música galega” na primeira canle da TVG.

Comentarios