BNG pide a dimisión de Jacobo Sutil por converter Agadic nunha "brigada de demolición" da cultura

Toma de posesión Sutil, novo director AGADIC
photo_camera Toma de posesión Sutil, novo director AGADIC

A deputada e portavoz de cultura do BNG, Olalla Rodil reclamou esta quinta feira a dimisión de Jacobo Sutil como director da Agadic (Axencia galega de industrias culturais) após anunciar  a supresión da figura da dirección do Centro Coreográfico Galego. Para Rodil, este anuncio é a pinga que fai rebordar. “Pedímoslle que dimita e peche este ciclo de dez anos lamentábeis de demolición dos sectores profesionais da cultura galega” afirmou.

A parlamentar comparou a situación do sector hai dez anos e agora. Daquela, dixo, existía unha Axencia Galega de Industrias Culturais  recén creada  cun enorme potencial. “Contábamos cun  Plan Galego de Artes Escénicas aprobado  e consensuado  co sector, unha Axencia Audiovisual Galega referente no conxunto do Estado e da que naceu todo o novo cinema galego que tantos éxitos nos está a dar.  Un Centro Coreográfico Galego que en 3 anos foi  motor de creación e formacion no mundo da danza. Un Centro Dramático galego con liñas de traballo novidosas e diversificadas,  unha Rede Galega de Teatros e Auditorios cos  mellores resultados de programación da súa historia”. E en dez anos, denunciou Rodil, “desmontaron todo”.

Estes 10 anos serán recordados na cultura galega como a “Década Escura”, asegurou Rodil. Dez anos de asfixia económica, afirmou, como evidencian os recortes en 2020 ao orzamento do Centro Dramático (de 40%), o Coreográfico de 66%) e o CGAI (50 mil euros menos). Neste sentido, engadiu que o PP baleira os orzamentos da cultura para “engordar os do espectáculo turístico xacobeo”.

A nacionalista pediu un cambio de rumbo nas políticas porque a cultura “é un sector que xera riqueza,  2% do PIB do noso país, pero a cultura é sobre todo un dereito e desde o BNG non imos permitir que  lle sexa negada  ás galegas e galegos”.

Comentarios