BNG de Noia quer saber se o ‘banco panorámico’ no petróglifo foi autorizado por Patrimonio

Presenta un rogo ao Goberno local no que consideran que esa actuación foi “ilegal”.

petroglifo-banco-noia-696x470
photo_camera Banco riba do conxunto co petróglifo (A Rula).

O ‘banco panorámico’ chantado riba dun petróglifo no Monte de San Lois (Noia) motiva a presentación dun rogo por parte do BNG noiés ao Goberno local no que pregunta se para esa actuación contaron con autorización de Dirección Xeral de Patrimonio.

O Castro do San Lois, indican as nacionalistas, atopase dentro do Catalogo de conxuntos obxecto de protección integral como xacemento arqueolóxico. Nas zonas catalogadas como Patrimonio Arqueolóxico (como é neste caso) “todas as operacións que impliquen variacións das condicións existentes na área delimitada (...) quedan supeditadas aos resultados da investigación previa dos posibles restos, que será preceptiva”. Polo tanto ao atoparse os bancos no perímetro do Castro faise imprescindible un informe arqueolóxico e o permiso de Patrimonio para proceder a calquera tipo de obra.

As nacionalistas agardan que a administración faga o necesario para “reverter esta situación ilegal que pon en perigo a conservación dun ben que goza da categoría de Ben de Interese Cultural (BIC) e polo tanto da máxima cobertura legal prevista”.

Tamén indican que  os terreos nos que se atopan os dous bancos que foron postos polo Concello no Monte San Lois pertencen á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Boa, “á cal non se lle pediu permiso para a colocación dos mesmos”.  

Comentarios