O BNG oponse a que a cidadanía pague por ler nas bibliotecas

“Non se pode obrigar a pagar á cidadanía por ler”, di a deputada do BNG, Ana Pontón.

Biblioteca escolar
photo_camera Biblioteca escolar

O BNG insta á Xunta a establecer unha normativa propia para que o canon por préstamo de libros non se aplique a bibliotecas públicas, entre outras razóns porque a aplicación do canon suporía unha colisión con competencias exclusivas galegas como son a regulación do fomento da lectura. En rolda de prensa, a deputada e portavoz de Cultura, Ana Pontón xunto coa responsábel de Política Municipal, Goretti Sanmartín non só rexeitaron o pago do canon por libro prestado senón que reclamaron o incremento dos fondos para compra de libros para situalo á altura dos orzamentos do ano 2009, o último que recollía a política do goberno bipartito para a promoción e difusión do libro, unha área xestionada entón polo BNG. Reclamou Ana Pontón “unha política real” de cara ás bibliotecas pública e alertou do perigo do canon en canto “limita o dereito universal de acceso á cultura”, de maneira especial, para as persoas con menos recursos. 

O canon limitará, segundo dixeron, o dereito universal de acceso á cultura e obrigará ás bibliotecas a reducir os orzamentos destinados ao aumento de fondos polo que o BNG está a presentar mocións nos concellos ademais de iniciar unha campaña para explicar as consecuencias e mostrar a oposición social ao canon. 

Unha decisión que afecta de maneira especial a Galiza 

Galiza parte como especial afectada do decreto do Goberno do estado de impoñer o canon bibliotecario xa que, segundo os datos que puxo sobre a mesa a deputada, tirados do estudo do Consello da Cultura Galega, o índice de lectura é considerabelmente inferior á media estatal xa que só un 53,3% de persoas leron algún libro no pasado ano fronte ao 58,7% estatal. Tamén Goretti Sanmartín incidiu no feito de saír máis prexudicada a cidadanía galega xa que, segundo engadiu, tamén a propia dispersión poboacional fai que a rede de bibliotecas sexa fundamentais para o acceso e dinamización cultural. 

No verán, para que se sinta menos 

Pola súa banda, Goretti Sanmartín non dubidou en explicar o anuncio do decreto do Goberno do Estado español en período estival como unha estratexia para apagar a resposta social ao tempo que anunciaba unha campaña para protestar contra unha política que merma os dereitos da cidadanía de acceso á cultura. Referiuse á lenda “Pan e libros” que se defende en campañas e iniciativas nalgúns concellos galegos, nomeadamente o de Carballo, para sinalar que o PP sabe que  “un pobo que le, é un pobo crítico e con capacidade de analizar a realidade”. 

Comentarios