O BNG esixe á Xunta que explique a súa retirada das feiras internacionais do libro

O Goberno galego non estará en catro das cinco feitas internacionais do libro en que viña participando. A decisión unilateral, que incluíu acusacións de “desinterese” contra o sector editorial tildadas por este de “falsidade”, provocou reaccións dos axentes implicados. Agora é o grupo parlamentario do BNG o que esixe explicacións á Xunta.
 

Olalla Rodil defende o PLan Retorna para a volta da  mocidade emigrada
photo_camera Olalla Rodil, nunha intervención parlamentar

“É unha nova mostra do sectarismo e a intransixencia do PP”, indica a deputada Olalla Rodil, “e o seu enésimo desleixo respecto da lingua e da cultura galega”. A nacionalista rexistrou unha proposición non de lei en que insta o Goberno de Alberto Núñez Feijóo a “abrir un proceso de diálogo co sector do libro e consensuar con el a presenza de Galiza nas feiras internacionais do libro”.

A Consellaría de Cultura anulou sen previo aviso á Mesa do Libro -en que están representados editores, autores, libreiros ou distribuidoras- o proceso de licitación dos “lotes” para organizar a presenza e as actividades insitucionais nas feiras de Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara (México). Só mantén a de Bos Aires. “Esta decisión segue a estratexia do PP contra a cultura galega”, considera Rodil.

A parlamentaria nacionalista afirma que o PP “derrogou de facto” a lei do libro, vixente desde 2006. A norma fixa, engade, “a obriga do Goberno de fomentar e apoiar a participación das empresas galegas do sector do libro nas feiras e exposicións internacionais”.

Olalla Rodil lembra que o PP retallou, desde que en 2009 Feijóo sentou en San Caetano, 50% dos orzamentos destinados a cultura e 65% de normalización lingüística. Nas contas de 2018, hai 200.000 euros menos para que as corporacións locais adquiran novidades editoriais. Se en 2017 había 240.000 euros para actividades de animación á lectura, este ano “apenas fican 96.000 euros”.

Comentarios