Caderno de Verán

Blues do País, blues e soul coa idiosincrasia e a retranca galegas

Bieitta James e Pepe King son os integrantes desta banda que fusiona blues e soul coa idiosincrasia e a retranca galegas. Detrás deles están Iseo Agilda e Brais das Hortas, compañeiras na banda Sacha na Horta, que comezaron con versións de temas clásicos do blues "e non tan clásicos", puntualiza Iseo, e a base de improvisación acabaron irmanando o rhythm 'n' blues coas cantigas galegas.
FOTOS BLUES14
photo_camera Blues do País acompañados pola banda Sindicato da Verbena. / Alberte Peiteável

Iseo fai con nós un breve percorrido polos comezos de Blues do País e cóntanos que "unha vez que as personaxes tomaron vida propia, as letras foron saíndo dun modo moi orgánico", e o dúo gravou o seu primeiro disco. Un par de anos despois chegaba 'Ruta 120', disco para o que xa contaron coa colaboración de Sindicato da Verbena.

Logo do parón que supuxo para Blues do País o confinamento pola pandemia da Covid-19, o dúo retoma agora a creación dun novo espectáculo. "A intención é facer outro disco ou polo menos espectáculo novo, porque xa dubidamos moito" comenta Iseo referíndose ao sentido que adquire hoxe en día facer un disco ou quedar só nas plataformas dixitais, e engade, "polo menos queremos sacar espectáculos novos e músicas novas e ver de que maneira llo facemos chegar ao público". "Sempre apostamos pola música libre e polo traballo en directo, aquí é onde somos fortes", asegura. 

A vantaxe de Blues do País, segundo eles mesmos afirman, é que dispón de dous formatos, con banda ou sinxelamente a dúo, caraterísticas que a converten nunha "formación moi cómoda, con formato para festival ou formato dúo para festas particulares, salas...". "Somos moi adaptábeis polo formato e polo público, tanto pequenos como para maiores" aseguran.

O Sindicato da Verbena compóñeno Manu Alonso no baixo, Martiño Mato no saxo e Gustavo Agassi nas percusións e súmanse a Bieitta James e Pepe King para transformar "toda a enerxía do blues, multiplicala por 5 e elevala a onde a diva de Blues do País a queira levar". Nesta nova era pospandemia, a formación en banda ten a súa primeira cita en setembro no festival The Wild Fest, "o festival sustentábel", no parque San Miguel de Oia en Vigo, que afronta neste 2020 a súa segunda edición.

CALENDARIO

Valdoviño: 1 de agosto / Área Recreativa (Club Náutico) / 20.00 h.
Moaña: 7 de agosto / Eirado do Ferreiro / 21.30 h.
Oleiros: 8 de agosto / Praza de Santa Cruz / ás 22.30 h. con Sindicato da Verbena.
Outes: 15 de agosto / Praza de Galicia / 13.00 h.
Celanova: 16 de agosto / Alameda / 21.30 h.
Oia: 5 de setembro / Wild Fest, Parque forestal San Miguel / 22.00 h.
Melide: 9 de outubro / Bar A Fundación Melide / ás 22.00 h. coa banda Sindicato da Verbena.

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.

Comentarios