O blues da estrela Barbara Lynn ilumina Compostela

A noite do sábado un concerto estrela inaugurará o Outono Códax Festival en Compostela. A presenza da diva Barbara Lynn, historia viva e vibrante do blues, traerá á capital galega a estela das grandes figuras do blues. 

Ensaio en Compostela de Barbara Lynn
photo_camera Ensaio en Compostela de Barbara Lynn

Compartiu escenarios con B.B. King, Jackie Wilson, Otis Reding, Sam Cooke, James Brown ou Ike&Tina Turner e está considerada a grande dama do  rythm&blues. A texana Barbara Lynn regresa a Europa para abrir este sábado en Compostela o Outono Códax Festival. 

A de Santiago será a única actuación en todo o estado da que está considerada unha das grandes voces na historia do blues, a figura dos sesenta que cos seus máis de setenta anos continúa subindo aos escenarios cunha singular enerxía. Vocalista, compositora e instrumentista, Barbara Lynn protagonizou algúns temas musicais coñecidos internacionalmente como hits e foi versionada por figuras como Aretha Franklin ou The Rolling Stones. 

O dúo francés Blackberry´n Mr Boo Hoo cunha actuación aberta este venres día 27 na Porta Faxeira, na zona histórica de Compostela, servirá de anuncio de inicio do espectacular programa que o Outono Códax Festival preparou para esta edición e que ten no concerto de Barbara Lynn un inicio de excepción. 

O Outono Codax Festival preséntase como o “festival galego de música negra” e ofrece máis un ano un programa con grandes figuras do  soul, o rythm&blues, o blues, o funk e o rock´n roll con algunhas das estrelas dos sesenta aos nosos días.

Os galos Blackberry´n Mr Boo Hoo e os galegos The Limboos completan o cartel da primeira cita do Outono Códax 2013.


 
www.outonorock.com 

Comentarios