Blue Jasmine, o retorno do Allen máis serio e reflexivo

Blue Jasmine é un Allen notábel. Non o mellor Allen, mais si un Allen perfeitamente recoñecíbel. Cóntanolo, na súa entrega das sextas feiras, o noso crítico Andrés Castro. 

blue jasmine
photo_camera Cate Blanchet e Woody Allen, nun descanso da rodaxe

BLUE JASMINE
Ano: 2013
Duración: 98 min.
País: Estados Unidos
Director: Woody Allen
Guión: Woody Allen
Fotografía: Xabier Aguirresarobe
Música: Varios
Reparto: Cate Blanchet, Alec Baldwin, Sally Hawkins, Peter Sarsgaard, Bobby Cannavale, Andrew Dice Clay


SINOPSE
Jasmine (Cate Blanchet) é unha muller rica da alta sociedade de Nova Iorque que ten que mudarse á casa da súa irmá Ginger (Sally Hawkins) por mor de quedar de súpeto sen cartos, sen casa e sen marido. Jasmine vai ter que se adaptar a vivir sen luxos nun pequeno apartamento, buscar traballo e reinventarse a si mesma para poder sobrevivir ao momento máis crítico da súa vida.

CRÍTICA
Woody Allen abandona momentaneamente o seu periplo cinematográfico por Europa, tras a excelente “Midnight in Paris” e a fallida “A Roma con amor”, e trasládase ás rúas de San Francisco para contar a historia dunha muller que ten que se reinventar a si mesma tras o duro pau que lle dá a vida: perde o seu queridísimo marido rico, perde todas as pertenzas e queda sen un can até o punto de ter que vender peles e xoias, pero nunca os bolsos de Louis Vuitton. Non lle queda outra que ir vivir coa súa irmá, coa que tampouco é que teña unha relación moi boa. Alí dá de fouciños coa realidade tras moitos anos vivindo a todo tren nunha sociedade decadente de luxo e conveniencias. O marido enganábaa, pero trataba de mantela contenta con xoias, regalos e caprichos caros. Jasmine firmaba todo o que lle poñía diante relacionado cos negocios para evitar ao fisco con tal de vivir como unha raíña. Facíase a longuis pero no fondo sabía o que estaba a pasar. Cando cachan o marido e dá cos ósos na cadea, ela cae en shock. Decátase de todos os enganos e ten que pórse de pastillas até as cellas para afrontar a crúa realidade.

Cate Blanchet, soberbia

Se ben moitas das películas de Allen poden estar interpretadas por calquera por teren un guión sólido e sen fisuras, nesta ocasión as actuacións son determinantes para que “Blue Jasmine” se estea convertendo na película máis taquilleira de Woody Allen até a data. Cate Blanchet está soberbia e desta volta non lle sobra nin un só aceno. Nela descansa o éxito do filme. A destacar tamén Sally Hawkins, que fai da irmá da protagonista. Xa a miráramos en “Happy-go-lucky” (2008, Mike Leigh) coa que se gañara un Globo de Ouro ese mesmo ano e tamén un Oso de prata na Berlinale. Aquí está á mesma altura aínda que nun papel algo menor. Entre os demais secundarios cumpre resaltar a presenza de Andrew Dice Clay, recordado pola película de culto dos noventa “As aventuras de Ford Fairlane” (1990, Renny Harlin). Para variar, a banda sonora está chea de música jazz. Desde Louis Armstrong a Julios Block pasando por Joe King Olvier, entre outros. Ademais, a omnipresente balada de Blue Moon (o clásico de Richard Rodgers e Lorenz Hart) que dá título ao filme. Na fotografía está o vasco Xabier Aguirresarobe que xa traballara con Allen en “Vicky, Cristina, Barcelona”, e que  desde a súa participación en “Mar Adentro” con Amenabar, estase a facer un oco en Hollywood con películas coma “The Road”, “Memorias dun zombie adolescente” ou no remake, de próxima estrea, de “Poltergeist”.

Fuxindo de Manhattan

Allen leva un tempo fuxindo do ambiente de Nova Iorque e o seu querido Manhattan, quizá xa un pouco farto de anos vendéndoo como un lugar xenial. Por fin quere mostrar que non todo é bo e que pulula un ar malsán e falso que ás veces pode facerse irrespirable. Os ataques de ansiedade da protagonista non creo que sexan porque si. Tampouco escolleu a cidade de San Francisco de forma aleatoria, senón coma unha pequena homenaxe a “Vertixe” de Hitchcock. Se naquela a reinvención da protagonista (Kim Novak) era de mans dun home obsesivo (James Stewart), nesta a protagonista reinvéntase a si mesma. En fin, coma sempre, hai moito de Woody Allen na película. O espectador espelido pode xogar a atopar as referencias se quer. Xa está a rodar a súa seguinte obra no sur de Francia, con vistas a estrear no 2014 para acadar a periodicidade anual á que nos ten acostumados. “Blue Jasmine” non é do mellor de Allen, pero é unha boa película que recupera o director neoiorquino máis serio e reflexivo. A sentenza do filme é que as veces non é tan doado esquecer o pasado e facerse o/a longuis dos negocios turbios da parella acaba tendo consecuencias. É dicir, o karma acaba volvendo dunha maneira ou doutra. Algo me di que a Ana Mato ou á infanta Cristina vailles prestar moito o filme.

Comentarios