Biosbardia recupera unha entrevista na que Filgueira Valverde revisa a súa traxectoria

A revista dixital Biosbardia recupera unha longa entrevista na que Xosé Filgueira Valverde revisa a súa traxectoria, entre outros episodios, as súas relacións con Franco ou Castelao. 

Filgueira Valverde
photo_camera Filgueira Valverde

Elaborada polo xornalista Gustavo Luca de Tena en 1990 e publicada en A Nosa Terra, a longa entrevista que agora recupera a revista dixital Biosbardia, dirixida por César Lorenzo Gil, revisa toda a traxectoria de Xosé Filgueira Valverde, mesmo os episodios máis polémicos e que están no cerne do debate sobre a súa designación como figura a homenaxear no vindeiro Día das Letras Galegas. 

A entrevista está realizada cando Filgueira Valverde, con 84 anos, ocupa a presidencia do Consello da Cultura Galega e bota luz sobre algúns capítulos especialmente claves para entender a dimensión da súa figura. “Podo entender que foi un grande erro ter sido alcalde pero podo recoñecer que tivo a vantaxe de poder defender a zona monumental, facer o campo de deportes, o pavillón…”, responde Filgueira Valverde a un dos primeiros temas que pon sobre a mesa Luca de Tena, a súa condición de alcalde franquista da cidade de Pontevedra. 

Filgueira xustifica, non entanto, o seu cargo como procurador en Cortes, tema que tampouco elude o xornalista no seu cuestionario. “Pero en que circunstancias e con que votos logramos hai hoxe vinte e cinco anos que se consagrase o galego na escola?”, responde Filgueira. 

“Considero que é absolutamente galega a obra castelá de Rosalía, a de Nicomedes Pastor Díaz, a da Pardo Bazán (que por desgraza é toda en castelán), a de Valle Inclán", di Filgueira

Castelao era un dos temas delicados a tratar con Filgueira. Os dous coincidiran na fundación do Museo de Pontevedra, dirixido durante longos anos por Filgueira e no que estaban depositados os bens dun Castelao exiliado despois de seren incautados. “As sás de Castelao son unha preciosidade”, dille Filgueira a Luca de Tena que non dubida en preguntarlle pola súa relación despois de 1936, un contacto inexistente como el mesmo recoñece. Sen embargo, Filgueira conta a anécdota de que xestionou o permiso do Goberno Civil para o envío dun telegrama de pésame a Buenos Aires. 

Explica Filgueira o asasinato de Alexandre Bóveda pola integración do PG na Fronte Popular que definiu como marxista o galeguismo. “Ese foi un inconveniente tremendo que lle custou a vida a Alexandre Bóveda”, opina do que cualifica como “unha incomprensión total”. 

Nin Gustavo Luca de Tena deixa de preguntar nin Filgueira de xustificar a súa traxectoria en toda a entrevista, con moitos momentos de interese que pasan tamén pola súa intervención no Consello da Cultura ou o cesamento -inesperado, segundo di- como Conselleiro de Cultura no goberno de Fernández Albor do que, segundo di, foi “botado de mala maneira”. 

 “Pontevedra cheirou sempre a demo, o que pasa é que hoxe o notamos máis porque somos máis civilizados”, comenta de Celulosas

Obra de literatura galega a escrita en castelán

“Considero que é absolutamente galega a obra castelá de Rosalía, a de Nicomedes Pastor Díaz, a da Pardo Bazán (que por desgraza é toda en castelán), a de Valle Inclán que escribía un galego delicioso e falaba un galego espléndido pero que escribiu moi pouco nel. E a obra de Cela e de Torrente en castelán”, defende o autor ao que se lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas na longa entrevista na que Luca de Tema fai unha pregunta dun dos temas que tamén está no debate actual, a súa relación coa normativa. “A normativa seguen a chamala normativa Filgueira aínda que son ben coñecidas as súas discrepancias”, pregunta o xornalista. “Un nunca pode estar plenamente conforme coas normativas ortográficas. E xa non digamos o portugués, que o mellor que podía facer era adoptar a normativa galega, he, he, he. O x é moito máis cómodo que o j”, comenta.

Para o fin da entrevista, Luca de Tena deixa un dos temas estrela da súa brillante traxectoria xornalística, a instalación das Celulosas na ría. “Pontevedra cheirou sempre a demo, o que pasa é que hoxe o notamos máis porque somos máis civilizados”, contesta Filgueira, alcalde cando a fábrica chegou á cidade. O xornalista dille que a empresa papeleira foi a morte da ría: “Pero iso é completamente falso. Iso é de risa. Non están a mariscar ao pé mesmo da fábrica?”, contesta Filgueira, tentando botar abaixo o que chama unha “campaña” contra a fábrica. A entrevista completa pódese ler na revista dixital Biosbardia. 

Comentarios