Caderno de Verán

O 'bicho' contra o fol da gaita

A Asociación de Gaiteiros Galegos recoñece que a falta de contratación vai ser un duro golpe para as contas das asociacións culturais da Galiza. Grupos como Os Cantoxos confesan que a sorte é que "normalmente non se vive disto".   
gaiteirada sideral
photo_camera Imaxe d'@s Pantox@s para o festival de Parga / Yoshimura Eye

A  situación de inestabilidade actual está a crear dificultades a moitos sectores ligados á cultura das verbenas na Galiza. Non hai programación na maioría das vilas do país e iso nótase. Ademais das orquestras, outros dos grandes damnificados da parada imposta ou autoimposta ás comisións de festas son os grupos de gaiteiras e gaiteiros.

Este 'bicho' –como xa se coñece vulgarmente o coronavirus– acabou por facer calar o fol das gaitas co que a poboación galega espertaba moitos días de verán. Apenas hai ruadas e alboradas, mais algunha queda por aí que traslada unha mínima sensación festiva nun contexto de preocupación. 

"O tema está paradísimo", resume Miguel Reimundez, da agrupación @s Pantox@s. Polo de agora a eles consérvanlles na axenda a presenza no "festival  de rock de Parga, no que xa estivemos o ano pasado". Como a esta banda pásalle a moitas que nin van coa comisión pedindo donativos e lanzando fogos nin amenizan a sesión vermú con gaitas, acordeóns e bombos a todo son. Nin vodas saen.

A gran vantaxe con respecto ás orquestras é que, segundo os que se dedican a esta arte musical, case ningunha persoa fía os seus ingresos por completo aos percorridos polos municipios nas festas patronais. Se fose así o susto sería moito maior, reflexionan, pero quen máis e quen menos ten o seu traballo cotiá e ocupa o tempo libre en facer un ingreso extra indo polas vilas. 

"Normalmente non se vive disto, como moito hai xente que pode estar dando clases en centros cívicos, colexios...".  

Porén, o presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, Xaneco Tubío, puntualiza que "cada vez hai máis profesionais autónomos que no verán viven de tocar". 
E o dano económico xa non é só a nivel persoal dun grupo de moi concreto e fechado. O representante da organización recorda que "a maioría dos grupos pertencen a asociacións culturais e o golpe é moi grande porque o financiamento destas institucións sae do estío".

Unha estación e unha tempada que dan por perdidas, malia que en Pardiñas si fixeron unha mostra de instrumentos tradicionais e hai intentos de animar a situación noutras zonas do territorio. 

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.

Comentarios