Cultura

A biblioteca de Ourense busca nome

Inaugurada a Biblioteca Pública de Ourense na súa nova localización, xa está aberto á cidadanía un concurso de ideas para lle pór nome. As catro fundacións vencelladas á memoria de Risco, Castelao, Otero Pedrayo e Losada Diéguez veñen de propoñer conxuntamente bautizala "Biblioteca Pública Nós".
Parte do Grupo Nós
photo_camera Parte do Grupo Nós

O pasado 23 de decembro inaugurábase a Biblioteca Pública de Ourense, após o seu traslado, co anuncio dun concurso de ideas para bautizala. Desde 20 de xaneiro até 3 de febreiro está aberto o prazo para presentar propostas de nome para o novo complexo, localizado en San Francisco. A comisión encargada da valoración terá en conta aquelas opcións que refiran "persoeiros ou colectivos relacionados co mundo do libro, das bibliotecas, da cultura e das institucións culturais", nados ou vencellados coa cidade ou coa Galiza.

A voz da cidadanía xa se está a facer ouvir, deixando no ar propostas do máis diverso. Algunhas das que máis se repiten son José Ángel Valente, Antón Tovar, Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda ou Eduardo Blanco Amor.

Ante esta situación, catro das fundacións que promoven a memoria das persoas integrantes da xeración Nós (Fundación Otero Pedrayo, Fundación Vicente Risco, Fundación Losada Diéguez e Fundación Castelao) acordaron presentar conxuntamente o nome "Biblioteca Pública Nós" en homenaxe a un "movemento de renovación, amplo e diverso, caracterizado polo impulso á actualización e apertura da nosa cultura e da nosa identidade ás correntes universais", segundo declaran nun comunicado.

Propoñen Biblioteca Nós en homenaxe a un "movemento de renovación, amplo e diverso, caracterizado polo impulso á actualización e apertura da nosa cultura e da nosa identidade ás correntes universais"

A iniciativa adquire especial significado ao coincidir co centenario da Revista Nós, mais atravesa unha pluralidade de manifestacións que, alén da propia publicación e dos seus principais membros, abrangue, coas máis de 200 persoas colaboradoras do proxecto, unha xeración e un tempo comprendido entre a creación do Álbum Nós de Castelao (1916) á desaparición da editorial e da imprenta Nós (1936).

Outra das propostas que vén grañando peso nas redes sociais durante os últimos días é Olga Gallego, reivindicando que ningunha biblioteca nodal da Galiza leva nome de muller, ficando só por bautizar as de Lugo e Ourense. Esta última, por pouco tempo. 

Pola Biblioteca Pública Olga Gallego

Olga Gallego (1923-2010) foi unha arquiveira e docente ourensá. Especializada en Historia, ingresou en 1955 no Corpo de Auxiliares de Arquivos, Bibliotecas e Museos, con destino na Biblioteca Pública de Ourense. Pasando tamén pola de Vigo, en 1969 trasladouse ao Arquivo Histórico de Ourense, que dirixiu até a súa xubilación en 1989. En 2011, tramitouse unha petición para bautizar esta última institución co seu nome, que finalmente non saíu adiante. Agora, a súa proposta é unha das que soa con máis forza.

Comentarios