domingo 09/08/20

O tesouro bibliográfico de Carvalho Calero atópase no Parlamento

O Parlamento de Galiza custodia a biblioteca persoal e mais o fondo documental que atesourou Ricardo Carvalho Calero ao longo da súa vida. A institución, que se fixo co material en 1997, pono a disposición das persoas interesadas na súa consulta.

[Imaxe: Parlamento de Galicia] Biblioteca de Carvalho Calero
[Imaxe: Parlamento de Galicia] Biblioteca de Carvalho Calero

A biblioteca persoal de Carvalho Calero, integrada por 4.872 volumes e 197 títulos de revistas, permanece no Parlamento de Galiza após a súa adquisición en 1997. Catalogada desde 2012, a biblioteca conta, na súa maior parte, con obras relacionadas coa literatura e a lingüística, mais tamén coa historia e a filosofía.

Nun comunicado de imprensa, o Parlamento sinala que o fondo está a disposición das investigadoras e das persoas interesadas na súa consulta, sempre previa autorización. “Pode resultar especialmente interesante para os investigadores que traballen no eido da lingüística e a literatura galegas. Inclúe unha moi completa colección de obras de autores galegos desde o séxulo XIX até a década dos 80 do século pasado, entre as que se atopan gran cantidade de primeiras edicións, coleccións completas e obras de edicións esgotadas que no seu momento tiveran edicións de moi pequena tirada. Destacan tamén primeiras edicións de autores da xeración do 27”, sinala a institución.

Arquivo persoal

O pazo do Hórreo tamén custodia o arquivo persoal do elixido pola Academia para homenaxear en 2020 co Día das Letras Galegas. A visualización e descarga deste material está reservada á Intranet do Parlamento, pero “é intención da Cámara facilitar o acceso universal e aberto aos diferentes materiais a medida que se dispoña de autorizacións ou que os documentos pasen a ser de dominio público, o que non impide a súa consulta na sede parlamentaria”, insiste o comunicado.

O fondo documental inclúe manuscritos do propio autor e perto de 4.000 cartas, entre as que se atopan escritos de Fernández del Riego, Montero Díaz, Parga Pondal, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Tomás Barros, Álvarez Blázquez, Rodrígues Lapa ou Sebastián Martínez Risco.

No comunicado, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, felicítase pola decisión da Real Academia Galega de homenaxear Carvalho Calero reitera “a dispoñibilidade absoluta do Lexislativo galego para facilitar o acceso aos fondos bibliográficos e documentais para contribuír ao coñecemento desta figura clave na historia da lingua e a cultura galegas”.

comentarios