O best seller xuvenil arxentino “Caídos do mapa” chega ao galego

Arrasan en Arxentina e case dúas décadas despois da súa aparición vén de chegar ao cine. "Caídos do mapa", a serie creada pola escritora María Inés Falconi chega ao galego da man de Sushi Books. 

Falconi
photo_camera Falconi

Catro son xa os títulos que Sushi Books, selo de Rinoceronte Editora, ofrece da serie creada na Arxentina “Caídos do mapa”, unha historia de aventuras arredor dun grupo de mozos e mozas que viven viaxes, experiencias, amores, desacordos a través dos distintos títulos da colección creada pola escritora María Inés Falconi. Graciela, Paula, Fabián e Fede son os protagonistas deste conxunto de historias que se converteu en éxito de vendas na Arxentina e que agora pode lerse tamén en galego. 

A autora publicou máis de cincuenta libros no seu país de orixe e recibiu numerosos premios polo seu labor literario e tamén no teatro para público infantil e xuvenil, entre eles, o Premio Argentores, o Premio Fondo Nacional de las Artes ou o Premio de Teatro para Niños Iberoamericano. 

“Caídos do mapa” comezou a ver a luz en 1995, cando foi publicado o primeiro volume dunha serie que vai xa na Arxentina polo seu décimo libro. Arredor da historia creada por Falconi vén de estrearse unha película baseada no primeiro dos volumes da serie, dirixida por Leandro Mark e Nicolás Silbert. A autora afirmou, a raíz da estrea, que continúa na escrita do que será o libro número once de “Caídos do mapa”.

Comentarios