Doutora en Arqueoloxía Prehistórica e investigadora da UVigo

Berta Morell: "O estudo axudaranos a entender os patróns do Neolítico cunha perspectiva de xénero"

Alba Masclans e Berta Morell son as investigadoras principais dun proxecto que pretende desentrañar os patróns de mobilidade das primeiras sociedades agrícolas do centro de Europa, en concreto, nos Cárpatos. A primeira delas investiga desde a Institución Milà i Fontanals do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), en Barcelona, e a segunda faino desde a Universidade de Vigo, no Grupo de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e tamén desde Tübingen en Alemaña. 
IMG-20200801-WA0033
photo_camera Alba Masclans e Berta Morell (na dereita). / Nós Diario

Por que o interese do estudo nos Cárpatos?
Especialmente por ser vía de entrada, xa que o inicio da agricultura se deu no Próximo Oriente en dúas liñas de expansión, unha polo Mediterráneo e outra cara a Europa Central. Esta zona interésanos por iso, porque chegaban pola chaira de Hungría e desprazábanse cara aos Cárpatos. Unha das hipótese interesantes a probar é que nestas sociedades, dalgunha maneira, o cambio da caza e da recolección a producir e ter un control nos recursos está influído tamén pola mobilidade e pola interconexión entre os grupos. Nos anos 2000 houbo estudos de investigadoras norteamericanas e inglesas que propuñan que, nestas sociedades, había un patrón de mobilidade diferente entre homes e mulleres, que parecía que elas eran as que non nacían e morrían no mesmo sitio. A hipótese era que polo feito de que elas podían parir, serían as que se moverían entre comunidades. A idea do noso proxecto é ampliar este coñecemento cunha mostra de espectro maior. 

En que consisten os métodos que están a empregar?
Utilizamos dous diferentes, por un lado a datación por radiocarbono sobre oso humano, para marcar o momento da morte dos individuos que estamos a estudar; e, por outro lado, empregamos isótopos de Estroncio, un elemento que está na xeoloxía e pasa aos seres humanos a través da cadea trófica. A pegada do Estroncio é diferente dependendo da rexión e sábese que os nosos molares, cando somos crianzas, teñen un momento de mineralización no que a pegada isotópica da túa rexión queda impregnada no esmalte dental. Así, coa análise de isótopos de Estroncio, pódese identificar esa pegada na rexión na que se atopaba unha persoa nos primeiros anos de vida, e se esa é diferente á da pegada da rexión final enténdese que a persoa se moveu ao longo da súa existencia. 

Como estudan a perspectiva de xénero?
A nosa idea é facer unha revisión das diferenzas de mobilidade e ver se implican distintas patoloxías que poidamos atopar nos ósos, por exemplo. Queremos buscar ese molar que se mineraliza durante os primeiros anos de vida e outro que o fai máis na adolescencia, relacionado co inicio da pubertade, e ver con eles se podemos limitar cando é que se moven. Os resultados contribuirán a explicar como funcionou a transición da recolección á agricultura, unha das revolucións máis importantes na historia da humanidade. Axudará a entender os patróns destas sociedades, e aínda que é un estudo moi rexional, servianos para ver a importancia da perspectiva de xénero.

Como está a investigación no  eido das Humanidades?  
Creo que é un desastre, porque non hai recursos, non se dá suficiente diñeiro para investigación e non hai consolidación da xente nova, e iso non é bo porque moitas investigadoras abandonan. En Arqueoloxía, pese a todo, creo que no Estado español hai unha boa produción científica porque as profesionais, co pouco que teñen, son capaces de facer bos estudos... Na Galiza, teño a sensación de que a Xunta aposta polo posdoutoramento, pero, en xeral, debería haber máis contratos. A diferenza que vexo entre a investigación de Humanidades e a de Ciencias supoño que se debe á idea de que se hai unha aplicación á que se lle saque rédito económico é importante, pero o coñecemento das Humanidades está desprestixiado no Estado español.

Comentarios