Berta Dávila, Manuel Gago e Neira Vilas optan a mellor autor/a da AGE

A Asociación Galega de Editores fixo públicas as candidaturas as diversas seccións dos Premios Ánxel Casal da Edición en galego que convoca anualmente. Berta Dávila, Manuel Gago e Neira Vilas optan nesta edición a se converter no autor ou autora do ano. 

Manuel Bragado
photo_camera Manuel Bragado

Con Raíz de Fenda e O derradeiro libro de Emma Olsen, a escritora Berta Dávila deu un salto no panorama literario para pasar a ser converter nun dos nomes máis relevantes do pasado ano editorial, e froito da boa acollida dos seus novos libros é agora unha das candidatas á AGE á mellor autora do ano, candidatura que comparte coa opción a mellor obra de ficción por unha novela que xa fora galardoada co premio Repsol. 

De dupla candidatura goza tamén Manuel Gago, que ten opcións a mellor autor e tamén a mellor libro educativo polo seu Vento e chuvia, publicado con ilustracións de Manel Cráneo. Canda eles, un clásico e un dos autores máis prolíficos das nosas letras, Xosé Neira Vilas poderá ser escollido como mellor autor do ano. 

Tres proxectos máis teñen dupla candidatura nestes premios creados para homenaxear e valorar o traballo do sector editorial. Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais, obra de Antón Cortizas publicada por Xerais ten opcións como non ficción e iniciativas editoriais mentres o Proxecto CoraSons, liderado por Uxía e publicado por Kalandraka compite nas mesmas categorías. Pola súa banda, Pan de Millo, de Migallas editado tamén por Kalandraka pode ser o elixido como mellor libro ilustrado e mellor infantil e xuvenil. 

Despois de que o propio sector editorial escollera as distintas candidaturas, será un xurado quen elixa os nomes premiados en cada categoría. A entrega dos Premios da Edición, convocados pola AGE presidida por Manuel Bragado,  terá lugar no Liceo de Betanzos o próximo 21 de marzo. 

Son finalistas da AGE nas distintas categorías: 

Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013:  Acordes Náufragos de Antón Riveiro Coello;  O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila;  O corazón de Branca de Neve, de  Francisco Castro, editados por Galaxia; O elefante branco de Xesús Fraga editado por Tambre e A Memoria da Choiva de Pedro Feijóo e Matarte lentamente de Diego Ameixeiras editados por Xerais.

Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013: Sobre Ruínas de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos; Espiral de Sombras de Xabier Seoane, de Kalandraka e Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, de Xerais.

Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro de María Pilar García Negro, de Alvarellos; Corasons do Colectivo Corasons, editado por Kalandraka; Historia da Música en Galicia de Lorena López Cobas, editado por Ouvirmos e Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos Tradicionais de Antón Cortizas, editado por Xerais.

Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso,  Eva Almazán, Xabier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia; Un ianqui na corte do rei Artur, traducido por  Carlos Acevedo, editado por Kalandraka; Tonino, traducido por Yolanda Castaño, editado por OQO; A arte da Guerra de Sun Zi, traducido por  Xulio Ríos e editado por Teófilo Edicións; Eneida, traducido por Xoán Fuentes Castro, editado por Toxosoutos e Astérix e os pictos, traducido por  Xabier Senín e Isabel Soto, editado por Xerais.

Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013 : Nicomedes o Pelado ilustrado por David Pintor e Pan de Millo ilustrado por Dani Padrón, editados por Kalandraka; Oliver Twist ilustrado por Daniela Volpari, editado por Baía.

Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013 :  As dúas casas de Alicia de Christelle Vallat, traducido por Marica Campo, e O galo Ernesto de Mondaporta,  editados por Baía; A Pantasma da Casa da Matanza  de Miro Villar, editado por Biblos;  Xogos Musicais de Luís Pregos e Marta Iglesias e Tambo de Laura García Ferro e Victor Castro Martínez, de Cumio; O Carnaval dos animais de José Antonio Abab e Joao Vaz de Carbalho e Pan de Millo de Migallas e Dani Padrón, editados por Kalandraka; Montañas na Cama de Maricuela, editado por OQO; O elefante branco de Xesús Fraga, editado por Tambre; Bágoa de Lúa de Sabela González, editado por Galaxia e Un rato díxolle á Lúa de Antonio García Teijeiro, editado por Xerais.

Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ao Libro Educativo 2013 : Historia dos bonobos con gafas de Adela Turín e Nella Bosnia, editado por Kalandraka; Historia da literatura galega dos orixes a 1853 de Xosé Ramón Pena Sánchez e Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia de Manolo Gago, editados por Xerais.

Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Recursos educativas da Aula Virtual Baía da editorial Baía; Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais de Xerais; o Proxecto Corasons de Kalandraka e a serie de animación "Cocorico" de OQO.

Premio Xosé María Álvarez Blazquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013: Berta Dávila, Manuel Gago e Xosé Neira Vilas.

Comentarios